O teatro municipal Rosalía de Castro vén de ser nomeado insignia cultural de Galicia pola súa actividade en 2021, xa que o sector, con apoio maioritario, determinou que é o espazo artístico máis destacado da comunidade. O galardón sae do derradeiro informe do Observatorio de la Cultura da Fundación Contemporánea, no que participaron máis de mil profesionais, dende escritores e músicos a editores, comisarios e xestores culturais. Dos que votaron en Galicia, o 61,5% respaldaron a excelencia do centro coruñés.

O teatro xa recibira a insignia e quedara no primeiro posto galego en 2016, e dende entón movérase entre o segundo e o sexto. Pero o director do centro, Paulo Rodríguez, non cre que o ano pasado fixeran nada “especial”, máis que “seguir bogando nun momento moi complicado e manter vivo o facho da cultura a través do teatro e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos” (IMCE) que o xestiona.

O teatro ten 676 localidades, pero chegou a facer sesións nas que só había 30 persoas polas restriccións de aforo.

E non sen dificultades. O teatro ofrece 676 localidades en tempos normais, pero chegou a facer funcións con 150, 60 ou incluso 30 polas restricións do COVID. “Desde o outono de 2020 ata esta temporada de inverno-primavera de 2022 tivemos que interromper o programa de abono polos cambios continuos de aforo” explica Rodríguez.

Pero aínda así mantiveron a meirande parte das funcións de 2020, con reprogramacións, e o ano pasado fixeron un número de sesións comparable ao de 2019: uns 30 ou 40 espectáculos dobres no ciclo principal, dez ou quince sesións de espectáculos soltos e outra vintena de representacións do ciclo TRC de danza contemporánea. A maiores, están as resistencias artísticas e colaboracións como o abono da Sociedad Filarmónica. “Temos unha media de ocupación de 250 días ao ano”.

"Temos unha media de ocupación de 250 días ao ano"

Unha parte do traballo de Rodríguez, que dirixe o teatro desde 2011 e que foi el mesmo intérprete, é crear un “relato” coa programación, e que o teatro acolla obras que reflexen os temas sociais que considera pertinentes, coa “escoita activa” do público. Este ano tócase a memoria histórica coa obra Rif, que se representa esta semana, ou Atocha, sobre o atentado contra o bufete de avogados; en marzo, hai obras por mulleres e sobre mulleres como El cuaderno de Pitágoras, Eva contra Eva o El diablo en la playa, cunha intérprete trans. No caso do TRC, os usuarios propoñen a programación.

Nos primeiros postos do ranking galego do Observatorio de la Cultura atópanse outros proxectos coruñeses: a mostra de cine S(8) en oitavo lugar (cun apoio do 19,2%) e o festival de música contemporánea Resis no décimo, co 15,4%. A Coruña quedou no 16º posto entre as cidades con mellor oferta cultural de España, e en Galicia só a supera Santiago.

A Coruña está no 16º lugar nas cidades con mellor oferta cultural.

Para Rodríguez, o teatro e en xeral todas as propostas culturais gozan dunha “participación moi activa” na cidade, e ao tempo o IMCE dá unha “oferta cultural moi ampla, intensa e variada: a maioría das compañías galegas acaban pasando polo Rosalía, o Colón ou o Fórum”. Mais cre que “necesitamos máis mans” e cubrir prazas vacantes: “no IMCE poderían saír catro inmediatamente”, considera Rodríguez.