Por que abordou un traballo histórico coma este cando a súa especialidade académica é a Filoloxía?

Iso responde a un desacougo que tiven sempre ao comprobar que eramos ignorantes da historia do noso país en xeral e moi en particular dunha época decisiva como foi a Idade Media, na que fomos un país que reuniu todas as condicións da evolución normal dunha nación. Paréceme abraiante que aínda no século XXI esteamos cun sistema educativo no que os rapaces pensan que Galiza foi Asturias ou León na Idade Media porque non había poder político galego, que nunca fomos nada e que pasamos de ser asturianos ou leoneses a ser españois. Isto realmente é irritante e ademais está en contra da verdade histórica e por iso decidín abordar esta cuestión, que xa foi tratada por outros historiadores aínda que cunha repercusión pequena, co cal hai que reincidir nela e, por suposto, aportando novos argumentos e unha visión un pouquiño distinta.

A que atribúe esa ignorancia sobre esta parte da historia de Galiza?

A que se se contase a verdade, sería antitética a como se conta a historia de Castela e de España. Hai que ter en conta que Castela non aparece como poder político de certa relevancia ata fins do século XII ou principios do XIII e que hai unha historia inventada dende o século XIII, pero sobre todo dende o XIX, coa creación do Estado español unitario, na que tiveron que buscar avoengos, para o que inventaron a cuestión asturiana e o mito de Covadonga. De aí saltaron a León e logo a Castela, co cal Galiza sobra. Os historiadores máis conscientes, incluídos os españolistas, teñen claro o potencial económico, demográfico e cultural de Galiza nesa época, de xeito que se lla quitaramos ao reino de Asturias, este non sería nada.

Por que elixiu o título de ‘Unha estapa estelar e conflitiva de Galiza’?

Ese e o título xeral para os dous volumes, do cal vaise presentar o primeiro, mentres que o segundo vai saír en xullo. Este primeiro é o pórtico do segundo, xa que tiña intención de escribir nada máis sobre a segunda metade do século XIV, no que se dá unha situación conflitiva e estelar no que Galiza está integrada nunha coroa plurinacional con Castela, León e outros reinos menores como o de Xaén, e hai un conflito interno entre un bando que defende un modelo e outro bando galego-portugués no que Galiza era o centro e que estaba baseado na política atlántica, o comercio e nas relacións culturais e económicas co mundo musulmán. Esta concepción era antagónica coa da nobreza castelá-andaluza, que era de cruzada contra o mundo musulmán e unha política máis volcada cara ao sur e o Mediterráneo e cun modelo social e económico no que os comerciantes e artesáns tiñan menos relevancia. Isto acabou coa invasión de Galiza por un exército multinacional de aragoneses, franceses e casteláns que ocupou o país durante dezaseis anos e que incluso invadiu Portugal. Como os principais dirixentes do rei Pedro I o Cruel eran galegos, como Fernando Ruiz de Castro, nada menos que 500 familias nobres foron ao exilio e se embargaron todos os seus bens.

Podía opoñerse Galiza a Castela naquel momento co seu peso territorial e demográfico?

Demográfica e economicamente tiña moito máis peso que o reino orixinario de Castela ata o século XIV, e por iso aguantou tanto tempo. En Galiza o apoio a Pedro I era total, aínda que en realidade era a Ruiz de Castro, e por iso tiveron que atacala. Lugo estivo cercado durante máis de dous meses e non conseguiron rendelo, e despois do asasinato de Pedro I en Montiel, en 1371 produciuse a invasión de Galiza e Portugal despois de que aquí se designara a Fernando I de Portugal como rei de Galiza. Daquela destruiron a Pobra de Brollón, Castro Caldelas e a zona sueste de Galiza foi castigadísima. E a posterior fuxida de 500 familias nobres, sobre un país que podía ter entre 750.000 e 800.000 habitantes, foi decisiva.

Que consecuencias políticas tivo a dominación de Galiza por Enrique de Trastámara?

A instalación dos Trastámara supuxo a aparición de fendas lingüísticas, porque os poderes fácticos eran estranxeiros tanto na Igrexa como na nobreza e empezaron a empregar o castelán e a intentar modificar as condutas orais no seu grupo social, aínda que tardaron moito en logralo. Tamén cambiaron as condición en moitas cidades, xa que se antes se autogobernaban cos seus concellos, logo pasaron a ser dos señoríos eclesiásticos. E o comercio atlántico empezou a estar moi contradito, xa que os Trastámara eran aliados de Francia e non de Inglaterra, polo que as relacións co mundo musulmán e o norte de Europa comezou a afrouxar moito. E de aí vén que o Camiño de Santiago se debilitara como unha ruta de carácter mercantil, que é o que foi inicialmente.

Perde Galiza a súa identidade política na península?

Debilítase moito, e xa non é que non teña monarca propio, é que xa non ten clase dirixente propia. Empeza un castelanismo aberto, xa que os Trastámara odian a Galiza porque sempre lles foi díscola e os dirixentes galegos sempre foron os responsables máximos do alento que tivera Pedro I. A posición galega conducía á unión con Portugal e a impedir a hexemonía de Castela na península, pero a ganadora foi a outra.

Entón aqueles feitos teñen consecuencias directas ata hoxe.

O mapa de división política que hai na península entre España e Portugal está condicionado por estes conflitos. Se o triunfo non fora o que foi, hoxe seguramente Galiza e Portugal serían unha soa nación e o resto da península sería unha periferia dela. Outra posibilidade tería sido que Aragon fora hexemónico no bloque oriental respecto de Castela, mentres que Galiza e Portugal o foran na parte occidental, cunha Castela independente pero moito máis frouxa.

Por onde vai o segundo tomo?

Céntrase na segunda metade do século XIV para demostrar que eramos un reino con clase dirixente e ver como se comportaba, cal era o seu programa político, as relación que mantiña coa clase dirixente portuguesa, que ata ese momento actuaba nos dous países porque a frontera era imprecisa, mobíbel e non condicionante. Outra parte será a cuestión lingüística para ver como foi aparecendo o galego na prosa escrita de carácter diplomático e documental, xa que a evolución era igual á que había en Castela e non había ningunha persoa da clase dirixente que non usase o galego, a non ser que fora o latín. É espectacular ver como un nobre casa cunha filla do rei castelán Sancho IV e manda unha carta de arras a Valladolid escrita en galego, á que o rei contesta cunha en castelán.