Miro Casabella (Valadouro, 1946) foi un dos cantautores galegos de referencia nos últimos anos do franquismo, desde a publicación do seu primeiro disco, Miro canta as súas cancións, en 1968.Parte de Voces Ceibes e colaborador de DOA, compañeiro de escenario de Paco Ibáñez ou Raimon, estará este sábado ás 20.00 horas no Colón co concerto Hai alguén. A actuación é parte do ciclo Pioneiros da música galega, da Deputación.

Como se achega á música?

Meu avó era músico, gustábame moito a música e con dez ou doce anos cantaba cancións populares. Vivía nun val con moitas orquestras e a min sempre me gustou moito ir aos ensaios. Unha prima miña que vivía en Caracas viu de vacacións e tróuxome como agasallo unha guitarra. A raíz diso empecei a tocar e un veciño médico empezou a ensinarme. De aí sae o xerme de que a música sexa unha cousa importante na miña vida.

Cando se achegou á canción protesta, reivindicativa?

No ano 65, no cine do meu pobo, vin un Nodo cun un reportaxe sobre a Albufera de Valencia. Tiña, como música de fondo, a canción Al vent, en valenciano, que me chamou plenamente a atención. Anos despois, cantei con Raimón, o autor, e comentoume que o autor desa reportaxe fora expulsado do nodo e expedientado por metela. Impactoume moito.

"Impactoume moito escoitar 'Al Vent' no Nodo en 1965; despois Raimon díxome que botaran ao que a metera"

Como?

Era un home que cantaba nunha lingua marxinada. Cando cantabamos nos pobos, eran cancións populares en galego, pero pensei nunha canción diferente, que dixera cousas importantes, que nos chegaran e que foran reivindicativas. Tanto da lingua, pois o galego tamén era unha lingua marxinada, como da situación política que se vía.

Despois foi a estudar a Barcelona.

Aí atopo xente que coñecían a Raimón e demais. Eu xa fixera a miñas primeiras cancións, que era en galego, de Rosalía de Castro, de Curros Enríquez.. E aínda estudando, empecei a traballar como delineante con Enric Arbat, que era aparellador e pertencía ao movemento de canción catalana. Faloume de ir á casa de discos Edigsa. Mentres tanto, Manuel María ven a gravar a Barcelona o seu primeiro disco. Fixemos unha cea de homenaxe, levei a miña guitarra e cantei Díxome que tiña que ir a Edigsa. Fun, fixen unha maqueta e aí me chaman. Aí ve a luz o meu primeiro disco no ano 1968.

"Toquei nunha cea de homenaxe a Manuel María e animoume a ir á casa de discos Edigsa"

Cal era o seu compromiso político nese momento?

Ningún: o meu compromiso era cunha terra, cunha lingua e cun estado social de opresión e persecución, pero non un compromiso político cun partido de ningún tipo.

Non estaba nun ambiente favorable para reivindicar estes temas.

O ambiente era moi desfavorable. Para facer o disco había que pasar unha censura. Fun ao festival internacional da canción mediterránea, que se facía en Barcelona. A casa de dicos presenta esas cancións do primeiro disco, xa gravadas, como inéditas. Certificábanas para defendelo no festival. Eu creo que quedei no terceiro posto. Ese foi a primeira saída ao público coas novas cancións.

Tamén se interesou pola música medieval. Era un xeito de recuperar a memoria da cultura galega?

Exactamente. Para min era importantísimo descubrir como nace a nosa lingua, saber a nosa historia. Coñecer a eses primeiros cantores, os trobadores, xograres, na lingua galega. Que agora o chaman galego-portugués, que é mentira: era galego, e o que fagan o Portugal é o galego, unha rama.

"Para min era importantísimo descubrir como nace a nosa lingua"

E como se achega a ela?

En Barcelona coñecín xente que estaba moi posta en música medieval. Faláronme das cantigas de Alfonso X, que non coñecía, e das cancións de escarnio e maldicer. Iso serviume para coñecer a canción profana. Tamén escoitei a primeira gravación que se fixo das cancións de Martín Codax: da Cantiga número cinco, que logo fixen. Interesoume moitísimo e empecei a cantar cancións da idade media. Eu xa escoitaba música popular e consideraba que a miña canción non podía ser feita ao estilo francés o catalán, senón que debía ter unha conexión coa miña xente.

Como abordou facer música de denuncia e pasar a censura?

Era un traballo de equilibrista. Collías un texto e se cadra xa estaba publicado nun libro, pero cando o convertías en canción esta era moito máis dixerible: saía pola radio, sácala nun disco... Era moito máis delicado que o libro. Pasou con algunhas das miñas canción. Censuráronme unha letra de Celso Emilio Ferreiro: autorizáronma para gravar pero tiña prohibida a difusión por radio.

Nunha entrevista que lle concedeu Pilocha a LA OPINIÓN dicía que interesouse por cantar en galego a raíz dun disco seu que lle pasou unha compañeira de instituto. Como era o ambiente no que empezaba a agromar o interese pola cultura galega no final do franquismo?

Eu lémbroo en branco e negro. Era unha cousa realmente triste, un ambiente fatal. Había que ter moita forza de vontade para poder saír e cantar. moitas veces con moito medo. Non sabías o que podía pasar, as circunstancias eran tremendas. Había censura, persecución, xente que coñecías que prenderon... O que che organizaba un concerto estaba baixo o punto de mira da policía. Era incerto ir a cantar a sitios.

"Había censura, persecución, xente que coñecías que prenderon..."

Onde tocaba?

Igrexas, en sancristías, pisos de xente que reunía... Había moi boa disposición pola xuventude. Nas festas non se lles ocorría chamar para cantar, non encaixabamos, ninguén nos chamaba para cantar nun palco. Pero en Allariz, na festa do San Roque, unha asociación cultural galeguista chamoume para ir cantar, de acordo co cura da parroquia. Eu ía cantar na misa. Cantei unha cantiga medieval de Santa María, acorde co acto da misa, e despois dixéronme de tocar no palco da festa, na praza, todo cheo de xente e actuaba unha orquestra.

E tocou?

Fixeron unha pausa e subín a cantar, dous ou tres cancións. Foi a gran sorpresa da xente: eu pensei que ía marchar todo o mundo, pero quedou. Cantei o Romance de Castrelo do Miño, que fixen no 66, cando anegaron o val para facer no encoro. Fora unha historia que me afectara moito, a da xente que se mantén agardando que cheguen as augas, e toda a represión que houbera. Aí non había censura porque non pedían permiso para que eu cantara, fora un espontáneo. Para nós era importante que nos oíran.

"Non militaba en ningún partido: só na defensa da lingua, a liberdade, a difusión da nosa cultura"

Foi parte de Voces Ceibes.

Era unha cousa que estaba marcada. Había un informe que falaba da liña política dos que o integrabamos. Eu, liña política non tiña, non pertencía en ningún partido e non militaba máis que no partido de Galicia. No partido pola lingua, pola difusión da nosa cultura, na defensa dunha sociedade máis xunta, dos intereses públicos, e da liberdade... O que sigo reivindicando desde entón.

Como está hoxe a música galega?

Fantástica. A música en Galicia é dunha calidade de riqueza impresionante, e sempre o foi.Xa na actualidade houbo grandes grupos, como Milladoiro, Luár da Lubre, Tanxugueiras, Carlos Núñez, Berrogüeto...