Ao tempo que o martes de carnaval escenifica en cada rúa da contorna do Campo da Leña a improvisación e talento das coruñesas e coruñeses facendo o seu número sen que non atopen algún espectador voluntarioso que os miren, este ano moitos ollos dirixíronse deica os locais municipais da rúa San Roque, que unhas décadas antes foron o paradigma de vitalidade de pequenos negocios dentro dunha zona privilexiada e que representan agora a faciana máis cruda do abandono.

Así que non foi infrecuente toparse con xente sorprendida ao contemplar a imaxe de ruina vergoñenta e que para os que pasamos habitualmente por alí medra día a día. Non poden crer que isto ocurra porque hai situacións que resultan difíciles de comprender, máxime cando hai pouco tiveron que acudir os bombeiros alertados pola veciñanza debido ao desprendemento dun rótulo.

Pois ben, a día de hoxe, aínda figura a cinta identificativa da Policía Local advertindo do perigo nun punto neurálxico que é recorrido contrastado para outras rúas moi frecuentadas como San Xoán, San Xosé, Torre, Orillamar ou Panadeiras.

As causas deste deterioro están relacionadas con toda clase de inclemenzas características do paso do tempo, mais, á postre, a cuestión é preguntarse se é preferíbel manter os locais nun estado de conservación deprimente ou rescatalos para que poidan albergar diferentes usos.

Actualmente, só está en servizo unha clínica podolóxica, un establecemento de comida rápida, así como os locais cedidos polo Concello á Solidariedade Galega e á Agrupación Provincial de Palilleiras. Hoxe, todos están irreconocibeis porque o abandono ao que foron sometidos provocou un lento desangrarse e porque a auga da choiva que se acumula na praziña situada enriba dos propios locais se filtra ao seu interior.

É terríbel comprobar como mudaron eses locais polo abandono. E tamén como pode mudar o recordo a pouco que se queira transitar por aqueles negocios inconfundibeis que albergaban actividades singulares como Foto Tonecho ou Zapatería Ramos que tiñan un encanto especial.

Por todo isto, e sobre todo por cuestións de seguridade, o Concello debería adoptar as medidas necesarias para a recuperación definitiva destes locais como unha oportunidade, tamén, de futuro.