Esta é a décima entrega do Ecodicionario galego. Aproveito a ocasión para dar as grazas a LA OPINIÓN A CORUÑA e en especial a Gemma Malvido por facer posible este espazo bimensual de marcado contido conservacionista. Tamén para agradecer a aquelas persoas —todas doutoras e/ou docentes— que revisaron e melloraron os contidos das definicións feitas ata agora: Rafael Carballeira, Ana López-Cortón, Roberto Bao e Cristina Viqueira. Con este décimo capítulo comeza unha serie de cinco entregas do Ecodicionario con estranxeirismos cada vez máis empregados na linguaxe cotiá no ambientalismo galego, con traducións por veces complexas. Comezo co termo smog.

Definición: s. m. Anglicismo para designar un tipo de contaminación do aire, opaca e olorosa, resultante da combustión de combustibles fósiles e incendios. Vén da suma das palabras smoke (fume) e fog (néboa). NOTA: esta verba non figura aínda no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións contidas na definición: Aire: mestura que, constituída por osíxeno, nitróxeno e outros gases ademais de vapor de auga, forma a atmosfera da Terra. Contaminación: acción e efecto de contaminar, isto é, transmitir a algo ou alguén xermes ou substancias prexudiciais e perigosas. Combustibles fósiles: materia que se extrae do seo da terra e que se utiliza para producir calor. Estas acepcións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo? A verba smog foi empregada en prensa por primeira vez en 1880, en California, e comezou a popularizarse no mundo anglosaxón co comezo do século XX. Con frecuencia, falábase daquela do smog londiniense, tamén coñecido como pea-soup fog (“néboa de sopa de chícharos”, por ser excepcionalmente espesa e ás veces con tons verdosos), así como as “néboas de contaminación” de grandes cidades e de poboacións preto de instalación mineiras relacionadas co carbón. O gravísimo smog en Londres de 1952, coñecido como The Great Smog, cubriu a cidade coincidindo con cinco días de tempo frío e anticiclónico en decembro, causando máis de 10.000 mortos por afeccións respiratorias, o que levou a crear as revolucionarias e utilísimas Clean Air Acts (leis de aire limpo) de 1956 e 1968.

Por que está en auxe esta palabra? Aínda que existen políticas para mitigar a polución do aire a nivel galego, artelladas a través da Lei 8/2002, de protección do ambiente atmosférico de Galicia, aínda existen problemas de smog en grandes cidades da nosa terra. Por exemplo, con tempo anticiclónico e sen vento, cidades como A Coruña, Vigo e Ourense atinxen a miúdo concentracións no aire de partículas insalubres e de dióxidos de xofre e nitróxeno por riba do saudable. Incluso pode chegar a observarse unha “boina” de smog sobre estas áreas urbanas. Este problema sanitario leva tempo preocupando ás autoridades, porque agrava as doenzas respiratorias de moitas persoas. O propio Servizo Galego de Saúde (Sergas) elaborou en 2011 o Protocolo de actuación en situacións excepcionais de contaminación ambiental de Galicia, que establecía os mecanismos de actuación e de comunicación para alertar á cidadanía, no menor tempo posible, da superación dos límites de concentración de moléculas e partículas contaminantes.