La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Actriz, representa este xoves no Fórum ‘María Casares: Escoita e compromiso’

Isabel Risco: “María Casares era neta de cigarreira e reivindicou á muller galega loitadora”

“Vivir en Madrid foi o seu primeiro exilio: agardaba polo verán para volver a Galicia”

A actriz Isabel Risco, que conta a vida de María Casares este xoves no Fórum. | // CRIS ANDINA

Isabel Risco interpretará ás 19.00 horas do xoves, na biblioteca do Fórum Metropolitano, a actuación María Casares: Escoita e compromiso, un relato dramatizado da vida da actriz coruñesa da que se celebra este ano o aniversario do nacemento: desde a nenez na cidade ao Madrid no que pasou a adolescencia na Segunda República, e despois o exilio en Francia onde se converteu nunha intérprete recoñecida.

Como xorde a obra?

A proposta ven das bibliotecas do Fórum e é moi interesante. Aínda que para min é moita responsabilidade; Casares é un personaxe con moitas arestas. Temos que aproveitar este ano para reivindicala moito.

Como será a representación?

Ao ser na biblioteca préstase para facer un tipo de acción que non sexa exactamente unha peza teatral. Ao redor do 8-M xa participei noutra acción na biblioteca, un calendario de mulleres galegas, e fixen una presentación teatralizada. Escollemos 31 mulleres galegas, unha por cada día, e íame caracterizando con pequenos elementos para representalas. O formato irá por aí, pero en torno á vida de María Casares: a súa nenez, a vida persoal e sobre todo a súa vida profesional.

Vaise poñer en primeira persoa, asumir o papel de Casares?

Máis ben será unha viaxe a través da súa vida, pero tamén empregando referentes da cultura galega. Casares sempre tivo presente, dunha maneira moi profunda, a súa orixe galega, e sempre reivindicou moito ás mulleres do país. Era neta de cigarreira, e reivindicou ese carácter de muller brava, poderosa, loitadora. E o carácter ancestral da cultura celta e atlántica, coa que se sentiu moi identificada. Empregarei pequenas chiscadelas a personaxes da nosa mitoloxía e cultura popular, encarnadas en mulleres.

María Casares pasou a súa nenez na Coruña.

Naceu en novembro, que é un mes clave para a cultura atlántica, é o do Samhaín, escuro pero no que comezan cousas, un mes fronteira. Entre iso, a cultura ancestral e a visión que tiña das mulleres, pois se sentía reencarnada nesa visión das mulleres galegas, buscamos os símbolos que poden representar a Casares.

Que era para ela Galicia?

Sempre dixo que era a súa concentración, inspiración e destino final. Era moi importante para ela e para a súa vida.

Que destaca da personalidade de María Casares?

Primeiro, que foi moi valente. Era unha exiliada que tivo acceso á intelectualidade e á cultura francesa, pero ese exilio fíxolle ter que esforzarse moito. Superou moitos momentos difíciles. Tiña moita forza e personalidade, e un certo halo de misterio. Creo que tiña algo de timidez, pero iso, coa valentía, o esforzo e capacidade de traballo convértena nun referente incrible. Foi unha grande profesional: converteuse nun referente do teatro e cinema francés, e polo tanto de Europa.

Como considera que a marcou ser galega?

Era parte da súa identidade, e nunca o agochou. Conseguiu comunicarse e interpretar en francés, un idioma que non era o dela, pero sempre chamou a atención ese acento galego que lle quedou. Camus dicía dela que era “a pequena galeguiña”. Iso sempre está presente.

Casares pasou a súa adolescencia en Madrid, durante a Segunda República. Falan desa etapa na representación?

Para ela foi o seu primeiro exilio, a primeira vez que tivo que marchar, con oito anos. Pero tiña presentes as ondas do mar e a natureza galega. Sempre estaba devecendo que chegara o verán para volver a casa, para volver á Coruña, Montrove... Galicia é o seu colchón, onde ela repousa e chanta os pés. Logo veu Francia, París e o resto de sitios onde viviu. Ela buscou un lugar onde descansar, en Francia, en Bretaña, á que chamaba a pequena Galicia.

Compartir el artículo

stats