La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Nova andaina para a librería dos Castros

Suso Carballido e Pilar Sanjurjo traspasan o que foi o único establecemento deste tipo no barrio, que rexentan dende o ano 1990

Suso Carballido e Pilar Sanjurjo, na súa librería.

“Os libros teñen que gustar, este é un negocio de máis vocación que outros”, explica Suso Carballido sobre a profesión de libreiro con motivo do inminente peche da librería que leva o seu apelido no barrio dos Castros, xa que a xubilación da súa muller, Pilar Sanjurjo, fai que o establecemento sexa ofertado para un traspaso.

Varias persoas xa se interesaron por continuar o labor que Suso e Pilar desenvolveron no barrio dende 1990, do que o primeiro advirte que esixe “estar ao día” sobre as novidades editoriais, ofrecer servizos ao clientes e darlle unha orientación ao local de acordo cos gustos dos propietarios, que no caso da librería Carballido é a especialización na historia, da que conta con abundantes fondos.

Carballido recoñece que cando el e a súa muller puxeron en marcha a librería no 1990 supuxo unha “aventura”, xa que nos Castros non había outra e non era habitual que as houbera nas zonas periféricas da cidade. “Fixémolo porque sempre nos gustaron os libros”, lembra sobre aquel momento, así como que “para non estar angustiados coa renda”, mercaron o local da avenida da Concordia.

“Buscabamos a rendibilidade pero non o negocio, só queriamos non perder porque nos gustaban os libros”, recorda sobre os comezos, que foron máis fáciles porque el combinaba a atención la librería con outro traballo. As vendas foron aumentando pouco a pouco grazas a que daquela se vendían moitos libros de texto e porque durante case unha década fixeron promoción do establecemento acudindo á Feira do Libro.

“Funcionou mellor do que o fai agora, non nos actualizamos tanto como deberiamos polos anos que temos, quen se quede terá que facelo”, explica Carballido sobre as novas técnicas que se empregan nas librerías para fidelizar aos seus clientes e telos informados sobre as novidades. O libreiro sinala que esta clase de tendas teñen que estar complementadas nos barrios coa venda doutros artigos, no seu caso coa papelería, revistas e xornais. Estes últimos produtos fan porén que haxa que abrir os domingos, unha cuestión que non é do agrado dos mozos que pretenden facerse cargo da librería.

Unha característica de Carballido foi a organización de actividades culturais, como presentacións de obras, no seu local, ademais da asistencia ás que se realizaban noutros lugares cando llo pedían os autores, iniciativa que axudarán a desenvolver ao comezo ás persoas que collan a librería. Malia os numerosos peches de tendas nos barrios, Carballido é optimista sobre a supervivencia de negocios como o seu porque pensa que pecharán moitos dos bares e restaurantes actuais e continuarán polo menos un comercios especializado de cada sector, como as librerías.

Compartir el artículo

stats