A Coruña pasou a ser a súa residencia cando tiña seis anos. Un desprazamento migratorio de interior, decisión de moitas familias que procuran un mellor escenario para o progreso dos fillos. Nesta capital fixo os estudos de arquitecto técnico na EUAT (UDC). Viñera ao mundo en Monforte de Lemos (1968). mais a súa tez moura, o cabelo, e os ollos, tan grandes como escuros, facíano do norte de África. Faltáballe falar árabe ou hassanía para confirmar esta primeira suposición de quen o acababa de coñecer.

Curiosa impresión porque Xosé era un namorado do Sahara, de Mauritania, do Tinduf, a onde foi máis dunha vez en misión cultural e humanitaria. Xosé non exerceu de aparellador pero os estudos realizados non foron en van porque os seus coñecementos na materia servíronlle para os xuntar cos de fotografía, a súa verdadeira vocación. O seu dominio da luz e o seu sentido do encadre levárono así mesmo a oficiar de director de fotografía e operador nuns cantos proxectos cinematográficos dos seus compañeiros de promoción da EIS, onde tamén se titulara, funcións que por veces foron máis alá, ao ter que exercer ademais de realizador, aínda que por cabo non figurase nos títulos de crédito.

Culto, responsable e esixente co seu cometido, sufría co desleixo dos que, no traballo en equipo, non o eran. Observador atento, contrariábase coa traza que nos 80, 90 e primeiros 2000 estaban a adoptar algunhas derivas da actividade cultural autóctona. Con certa frecuencia manifestaba o seu desexo de cobrar distancia, de marchar. E acabou polo facer. Un día anunciou que ía botar un tempo en Córdoba, onde lle saíra un encargo, e alí afincou.

Víno de improviso nalgunha das súas escasas e fuxidías visitas á casa familiar. Ignoro se con outros amigos fixo o mesmo. A súa separación da terra natal foi rotunda. Sen dúbida era máis feliz na patria hispana dos Omeyas. Tanto nun sitio como noutro, Xosé Garrido deixa unha heteroxénea chea de realizacións culturais: exposicións, comisariados, filmes, publicacións diversas...

Cando o pasado luns, a primeira hora da tarde, recibín doutro bo amigo a triste noticia, fiquei pampo. Quedou a nova a me dar voltas na cabeza e dei en pensar que decidira ir a Ucraína... Sempre estamos procurar argumentos para xustificar a causa da morte. Mais, ao cabo, que máis ten. Descoñezo o motivo que acabou coa vida do amigo, pero cincuenta e catro anos é hoxe unha idade moi temperá para morrer. A vida adoita ser inxusta, e ás veces moi cruel.