Este ano a noite festiva da música de raíz acontecerá, por primeira vez, no mes de xuño. Após as dúas anteriores edicións, que viñeron marcadas pola situación sanitaria creada pola COVID, arelamos que retorne a normalidade de poder ver un teatro cun patio de butacas ao 100% da súa capacidade para gozar co espectáculo preparado para a vixésima primeira edición dos galardóns creados por LA OPINIÓN. A nova situación fai que se retome a estrutura que viña desenvolvéndose, polo que os espectadores poderán contemplar tres propostas musicais diferentes que pasarán polo escenario realizando intervencións duns vinte minutos cada unha.

Os primeiros en pisar o palco serán os compoñentes de Donaire. Esta asociación cultural coruñesa especializada no folclore galego naceu no ano 2000 e vai despregar todo o seu coñecemento para que os espectadores poidan recrearse na riqueza patrimonial da nosa música tradicional.

Con 34 artistas enriba do escenario, Donaire tamén realizará algún número de baile dentro da súa actuación, unha das especialidades que ensinan nos seus cursos de formación. Será a primeira vez que os premios incorporen a danza dentro das intervencións programadas para a gala, que sempre tivo vocación de ofrecer propostas escénicas diferentes. Despois da entrega do galardón á traxectoria, pisarán o escenario os membros de Zumaque. Este cuarteto, que comezou como trío, gañou na anterior edición dous PREMIOS OPINIÓN co seu debut discográfico, titulado Silván. O clarinetista Pablo Pascual logrou o recoñecemento de mellor artista e tamén conseguiron a estatuíña que proclamou a Silván como a mellor peza orixinal do ano.

Será unha grande ocasión para que o público comprobe a calidade desta formación, que completan a arpista bretoa Bleuenn Le Friec, o percusionista Miguel Cabana e o contrabaixista Alfonso Calvo. Na súa opera prima aparecen varias composicións de Pascual e algunhas adaptacións de pezas tradicionais e de autor. Dentro da súa proposta musical traballan con estruturas e harmonías da música tradicional, á que achegan unha tímbrica novidosa. Interpretarán temas do seu disco e traerán algunha peza nova que incorporarán ao seu seguinte traballo. Será una boa ocasión de presenciar o directo dunha banda de formas suaves que se adapta ben para a escoita relaxada coa súa música instrumental.

Cando eles rematen a súa intervención coñeceranse os catro gañadores da noite nas diferentes categorías.

Pechará a gala Zoelas, unha banda de Antas de Ulla formada por catro voces femininas e tres músicos. Debutaron con Evelaites, co que obtiveron hai dous anos unha candidatura como finalistas dos premios na categoría de mellor peza orixinal con Teste que levantar, unha das pezas que soará na gala. O xermolo da formación vén da asociación Fiadeira, onde as voces de Zoelas comezaron co canto por ese amor que profesan á musica tradicional. Do seu debut chamou a atención a variedade de ritmos incorporados ao repertorio, onde aparecen sonoridades de reggae, blues ou bossa nova, mais sen nunca esquecer o noso folclore á hora de traballar as pezas. Ese eclecticismo pode situalas nun espazo propio dentro do panorama galego, posto que non é algo común noutras formacións que poderiamos considerar das súas características. Estamos diante dun conxunto prometedor que prepara o seu segundo álbum. É posible que presenten en exclusiva algún tema que vaia formar parte do seu vindeiro traballo.

Os pequenos concertos programados pola organización amosan unha variedade estética á hora de se formular o achegamento á música de raíz da nosa terra, presente de xeito moi diferente nas propostas artísticas dos grupos que forman o elenco musical que amenizará aos presentes coa súa arte musical.

Da presentación da gala encargarase o polifacético Xurxo Souto, quen xa fora mestre de cerimonias hai dezasete anos, nunha noite na que estiveran enriba do escenario a orquestra folk SondeSeu e o gaiteiro moañés Xosé Manuel Budiño.

A traxectoria da discográfica FOL MÚSICA obtén o XV Premio Opinión Andaina Senlleira

A discográfica gañadora do premio á traxectoria naceu nun momento de eclosión da música de raíz galega e no seu catálogo aparecen nomes sobranceiros. No ano 1993 fundouse BOA e dentro da estrutura desa empresa xurdiu DO FOL edicións, selo dedicado á publicación de artistas galegos. Neses momentos apostaron por varios conxuntos emerxentes que foron quen de asentarse e dentro dos seus lanzamentos tiveron cabida algunhas das propostas máis interesantes daquela época. DO FOL foi unha marca que se asociaba a discos que sempre tiñan interese e constituíuse na gran referencia discográfica galega. Despois dun tempo o nome e o logotipo mudaron e naceu FOL MÚSICA. Publicaron ao longo da súa traxectoria traballos de destacados grupos e solistas no panorama musical galego. Entre eles atopamos a Budiño, Berrogüetto, Na Lúa, Leilía, Uxía, Fuxan os Ventos, Os Cempés, Rodrigo Romaní, Chouteira, Emilio Cao, Radio Cos, Pancho Álvarez, Susana Seivane e o dúo Rosa Cedrón & Cristina Pato. A saída ao mercado do álbum Galiza, do acordeonista vasco Kepa Junkera, e a boa recepción desa obra levounos a seguir colaborando con artistas foráneos. Na actualidade, a empresa chámase Altafonte. O PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira recoñece o labor no eido musical de persoas ou colectivos que deixasen unha pegada. Os grupos e solistas foron os que lograron máis galardóns, pero dentro do palmarés fóronse engadindo persoas e colectivos importantes para a vida musical galega. Se o ano pasado venceu un coñecido festival de música (o de Ortigueira), nesta ocasión o xurado decidiu outorgar a distinción a un selo discográfico que, sobre todo nos seus comezos, chegou a se converter nun gran referente en Galicia nun momento no que as discográficas tiñan moito maior peso que na actualidade, onde os músicos optan tamén pola autoedición.