La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

nficha personal

“A obra busca dar voz a personaxes marxinais, que fracasaron”

“O protagonista refúxiase no rock para escapar dunha vida cotiá triste e frustrada”

O director e autor de ‘Smoke in the Water’, Santiago Cortegoso. | // BAIA FERNÁNDEZ

Santiago Cortegoso é o director e escritor de Smoke on the Water, de Ibuprofeno Teatro, unha traxicomedia moi influída polo rock dos anos 70 e con música en vivo que xira en torno ao trío amoroso composto por Ritchie, un vendedor de discos fracasado; Joan, a súa muller, con problemas mentais; e Álex, un gigoló que comete actos vandálicos. Represéntase mañá e pasado ás 20.30 horas no Rosalía de Castro.

Por que o rock dos 70?

Gústame moito, mais non tanto como o protagonista da obra, Ritchie, que é un flipado absoluto da forma de vivir desa época, algo que o leva a ser un personaxe anacrónico. Refúxiase aí para escapar dunha vida cotiá triste, frustrada.

Os personaxes teñen nomes que fan referencia a músicos de rock, como Ritchie Blackmore, Janis Joplin...

Non fan desas figuras do rock, pero hai chiscadelas a eses personaxes. Ritchie toca a guitarra nun grupo frustrado que nunca chegou a nada, Janis foi cantante...

Na obra hai moita insatisfacción vital. Como reflexiona a peza sobre o fracaso?

Hai unha vontade de darlle voz a personaxes marxinais, que fracasan. Ritchie ten unha tenda de discos de colección arruinada, están a punto de desfiuzalo. Janis ten unha enfermidade mental: estuda Filosofía e intenta levar una vida normal, aínda que nunca o conseguiu, Álex, o terceiro neste enredo amoroso, prostitúese con mulleres ricas e logo comete actos vandálicos porque está en contra do capitalismo. Os grandes temas son o fracaso, a marxinación e as persoas que o sistema capitalista non acolle e trata como refugallos. É un ambiente sórdido, moi de barrio baixo, de cultura do abandono.

Como facer comedia con isto?

Ese é un gran reto, para nós e para o espectador. Toda a estrutura de diálogos e situacións é moi cómica, e o público ri moitísimo. Pero hai moitas cousas que realmente son tristísimas. Moita xente dos público coméntanos que nun momento dixo: “Como me podo estar rindo tanto da desgraza que estou vendo”. É xogar con esas contradicións. A comedia é un concepto moi elástico, que permite tratar moitos temas. Nas miñas obras, e en todo o que montamos na compañía, está a dualidade de comedia e o drama. Xeramos unha montaña rusa de emocións.

Que é o cómico que teñen os personaxes?

Están moi pasados, moi levados ó extremo, e fan rir moito por como son. Ademais, remiten a referentes que podemos coñecer todos da vida real. Por outro lado na obra hai moitos momentos diferentes, e un elemento fundamental: a música e directo. Os actores e actrices pasan de facer o personaxe a ser parte da banda que está tocando en directo temas baseados no rock and roll de grupos míticos dos 70. Hai unha mestura de ambiente realista e onírico, a música está en momentos que son como soños.

Este ensoño do rock axuda aos personaxes a saír da súa vida?

A música en directo, o rock, é a súa válvula de evasión, a súa maneira de escapar dunha realidade súper dura e non sentir o fracaso no que viven. Refúxianse no sexo, nas drogas, na música... Por exemplo, Ritchie é moi mitómano, está constantemente falando das grandes estrelas do rock. Iso é o seu referente, e a maneira de non atender aos problemas diarios que o están apertando dun xeito que non quere ver. O mesmo lle pasa a Janis ou a Álex, que é un personaxe triste, solitario, que se refuxia nos actos vandálicos, na prostitución. Son maneiras de escapar a unha realidade que é moi dura.

A obra reflexiona acerca do pedestal ao que os fans elevan as grandes figuras do rock, ás veces de xeito non moi san?

Moitas, moitas. O personaxe de Ritchie baséase niso: está continuamente intentando vivir desa maneira. E non é real, claro, non é unha estrela do rock and roll, todo o contrario: é un fracasado, alguén que intenta vivir da música e non o consegue. É un xogo entre o ensoño, o onírico da mitomanía, e o conflito que ten iso coa crúa realidade.

Compartir el artículo

stats