O pasado venres, o aínda presidente da Xunta sorprendeunos co anuncio dunha pasarela peonil e ciclable sobre a Ría do Burgo, entre o costado do CEE María Mariño nas Xubias e o morro da praia de Santa Cristina. Non o fixo de calquera xeito, senón coas imaxes dun anteproxecto moi desenvolvido.

Analizando as imaxes chégase á conclusión de que é dunha proposta moi agresiva co medio ambiente, que choca cos obxectivos dos fondos Next Generation, e que non parece seguir o procedemento administrativo de avaliación ambiental (estudo de alternativas) dos que precisamente a Xunta é garante.

A solución proposta de estructura colgante obriga á remoción dun enorme volume de area da barra de Santa Cristina, tanto na ancoraxe como no piar. Ademáis, por tipoloxía e lonxitude, xurden dúbidas sobre vibracións e confort polos efectos dinámicos do seu uso. A pretendida esveltez non mitiga o agresivo impacto visual, que debido ao emprazamento, afecta á imaxe e equilibrio natural da bocana da ría, así como ao derradeiro borde litoral virxe da beira coruñesa.

Esta pasarela non pode considerarse unha aposta decidida polas mobilidades brandas. O ancho de 4,5 metros é absolutamente insuficiente para garantir a convivencia segura entre o dobre sentido do carril bici (3 metros) e os grupos de peóns. Feijóo segue a pensar nas bicicletas como vehículo de recreo e non como un medio de transporte que non estea en conflito cos percorridos peonís.

A falta dun estudo rigoroso de alternativas que teña en conta as necesidades de conectividade e ordenación que existen entre os concellos da ría explica a cantidade de erros que acumula esta pasarela. A Xunta é precisamente a administración que debería adoitar unha visión máis ampla e metropolitana para a intervención. Oito millóns de euros poderían, ademáis de apostar de forma seria e decidida polas mobilidades brandas, responder a moitas das demandas de conectividade que ten a ría do Burgo.

A Xunta actúa, unha vez máis, de maneira unilateral e sen diálogo. As primeiras reaccións ao anuncio son reflexo da nula interlocución coas administracións municipais e o tecido asociativo da cidade. Feijóo ningunea os esforzos do Concello da Coruña para ordenar a súa parte de ría e sobreovoa o enorme traballo acometido polos de Culleredo e Oleiros para dar accesibilidade e conectar os seus bordos litorais. Considerando que se trata dunha intervención sobre o dominio público marítimo-terrestre, o goberno de Feijóo consultou ao Goberno do Estado?

A deliberada intención sorpresiva do anuncio, práctica habitual desta Xunta, manifesta o emprego desleal da administración autonómica como ariete político, esquecendo o seu deber fundamental de coordinación territorial. Coñecemos de sobra as consecuencias destes regalos envelenados: xestión ineficaz, resultados disfuncionais, hipotecas cidadás e ruído político.

Señor Feijóo, non pode entrar na Coruña como un elefante nunha cacharrería.