La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

En lembranza de Pedro Brandariz

Antón Reixa recupera mañá ‘Melancoholemia’, na sala Garufa, unha obra que facía co actor agora falecido e que fará por vez primeira en formato monólogo

Antón Reixa, cun libro de Juan Tallón. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

Poucos días antes de que o actor Pedro Brandariz falecese, o creador Antón Reixa e máis el falaron do futuro do espectáculo que ambos os dous compartían, Melancoholemia (Vida de Mamarracho). Nesa conversa, segundo lembra Reixa, acordaron que ían empezar a preparar un novo espectáculo para compartir táboas e que este texto pasaría a ser un monólogo, para que Reixa o puidese interpretar el só, xa que Pedro tiña moito traballo e moitos proxectos en marcha.

Agora, o monólogo é obrigado, xa que o actor oleirense faleceu en febreiro aos 44 anos, cando ía facer unha función escolar nun colexio en Calo. “Para min foi moi dura a perda de Pedro”, relata Reixa, que mañá mércores, 20 de abril, volverá subir ao escenario da sala Garufa, ás 21.00 horas, para interpretar esta Malencoholemia.

“A min desde sempre, o que máis me gustou facer foi recitar os meu propios poemas no escenario. No ano 2019, din un paso cualitativo, que foi facer un texto que, cunha pantalla de vídeo e coa colaboración de Pedro Brandariz conformaba un espectáculo teatral. Estreámolo na Mostra Internacional de Ribadavia no ano 2020 e alí estaba eu con Pedro. Eu sentíame moi a gusto no escenario. En Pedro busquei a súa gran capacidade cómica e teatral. Para min era moi importante a seguridade de ter un profesional coa experiencia de Pedro ao meu carón, e é algo que agora boto moito en falta”, confesa Reixa, que se volverá meter na pel dun paciente dunha institución mental que recibe ao público como se fosen asistentes a unha xornada de portas abertas da entidade.

“Este paciente empeza a facer un relato que, cada vez, se vai complicando máis, que é case alucinatorio. Conto unha viaxe que é absolutamente estrambótica, dun personaxe que se chama Mamarracho e que vai desde Galicia ao cadro do Xardín das Delicias do Bosco, pasa por unha obra de Sorolla, polos disparates e as pinturas negras de Goya e chega ao submarino ruso Kursk...”, explica Reixa, que agora substitúe unha parte do texto que facía Brandariz por unha voz robótica nunha pantalla que complementa o seu relato.

“Espero sobrepoñerme á emoción, porque é a primeira vez que fago este espectáculo en Galicia sen Pedro. Na parte profesional, para min é moito máis duro estar só no escenario que estar con el. Eu son un actor furtivo, non veño do mundo do teatro, aínda que escribín moito para teatro, pero é a primeira vez que lle dou vida a un texto meu”, comenta Reixa, que aínda se lembra “da paciencia infinita” e da “xenerosidade” que mostrou Brandariz con el cando quixo dar o paso de interpretar a este paciente psiquiátrico partindo case desde cero porque el era “un actor novato”.

“O último encontro que eu tiven con Pedro foi para repartirnos exemplares dos récords Guiness para, a partir de aí, facer unha creación colectiva. Sempre quedará a pegada de Pedro no que faga porque é insubstituíble”, recoñece Reixa, que lembra o honrado que se sentía sempre Brandariz cando o chamaban, xa fose dun centro escolar para facer unha sesión de contacontos, para unha película ou para pedirlle consello para un espectáculo teatral. “Sempre atopaba un buraco na axenda para estar cando o chamaban”, recorda.

Compartir el artículo

stats