A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo onte un encontro con representantes do sector do libro na librería coruñesa Moito Conto, onde explicou as propostas estratéxicas da formación nacionalista para potenciar o sector, como aumentar o investimento e crear un Instituto Rosalía para internacionalizar a lingua e a cultura galegas.

“É un sector estratéxico ao que en trece anos o goberno do PP só aportou unha páxina en branco”, denunciou a líder do Bloque. Para xustificar esa “inacción” aludiu ao recorte do 60% da partida orzamentaria destinada ao sector, con 2,2 millóns de euros nas contas públicas de 2022 fronte aos cinco millóns aportados en 2009.

O BNG considera clave facer unha aposta estratéxica de apoio aos creadores do sector do libro, tanto pola súa importancia cultural como polo seu potencial económico. Neste sentido, a portavoz nacionalista aproveitou o encontro para trasladar as medidas que un goberno do BNG poría en marcha a favor do libro en galego. En primeiro lugar, consensuar co sector un plan de fomento do libro e da lectura; en segundo, incrementar os recursos económicos para, cando menos, recuperar o investimento que había en 2009; e tamén crear o Instituto Rosalía de Castro para a difusión internacional da cultura galega.

“A lectura é un pilar para construír unha sociedade máis crítica, con máis capacidade de afrontar os desafíos democráticos. Temos que facer unha aposta firme pola nosa cultura e pola nosa lingua”, salientou Pontón, acompañada pola portavoz parlamentaria de Cultura e escritora Mercedes Queixas.