A unha illa das Canarias/ non tiven outra que emigrar /para choiar do que fose/ lonxe, lonxe do fogar. Os anos pasan e as vivencias cambian, pero a realidade é cíclica e o xerme adoita conservarse. Xa non é unha illa do Caribe o lugar onde os deserdados da fortuna emigran para gañar o peso, senón os paraísos turísticos de proximidade con emprego estacional e alemanes de meixelas coloradas. A banda coruñesa Radio Océano, composta polos xornalistas Xosé Manuel Pereiro (Johnny Rotring), Santiago Romero (Ross Mero), Dani Punta e Pablo Dalama versionan o mítico Miña terra galega, de Siniestro Total, pero co matiz das idiosincrasias de hoxe.

A banda, con coros de músicos como Antón Reixa ou o propio Julián Hernández, de Siniestro, e mesmo do politólogo Antón Losada, é outra peza do proxecto Puro Deleite, impulsada pola marca galega de leite do mesmo nome e que busca compoñer un disco de temas clásicos da música galega versionados polos seus compatriotas en activo.

Cun videoclip a cargo de Xaime Miranda e Antón Miranda e gravado en estudios A Ponte por Tomás Ageitos, o Miña terra galega de Radio Océano evidencia o moito (ou nada) que cambiamos dende aquela: Onde se queixan os pinos/ e os montes arden de máis/cheos de muíños e eucaliptos/ dende o Miño ao Ortegal.