Definición: s. f. 1. Vontade de comer carne de animais ameazados ou raros. 2. Desexo mórbido de viaxar a lugares para coñecelos antes de que sexan irreparablemente danados polo cambio climático ou por outros cambios provocados polo home, incluso empregando medios de transporte contaminantes. 3. Inclinación a vestir produtos exclusivos procedentes de animais, vexetais ou minerais por ser raros ou escasos, pesando en segundo termo razóns de novidade e/ou estética. Palabra de orixe latina (morbus, doenza) usada en inglés pero cunha terminación claramente francesa, e que ás veces aparece como anglicismo noutras linguas. NOTA: esta verba non figura (aínda) no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Morbo: Inclinación obsesiva a deleitarse en escenas ou en sentimentos desagradables. Pegada de carbono: indicador ambiental que, medido en CO2 equivalente, reflexa a totalidade de gases de efecto invernadoiro emitidos por efecto directo ou indirecto por un individuo, colectivo ou produto. Estas acepcións, ou as palabras que constitúen as expresións, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo? A verba morbique é pouco coñecida aínda, e non está clara a súa orixe, empregándose inicialmente dentro do ambientalismo no Reino Unido e Estados Unidos para referirse ao consumo de carnes de animais exóticos (desde crocodilos e canguros ata serpes de cascabel e insectos do sueste asiático). En anos posteriores as definicións 2 e 3 de morbique arriba citadas foron cobrando peso.

Por que está en auxe esta palabra? A xornalista freelance Nylah Burton (n. 1995) falou recentemente de morbique para referirse a unha escea da exitosa serie de HBO Succession, creada por Jesse Armstrong (n. 1970), na que dous dos protagonistas sentan a comer cadanseu ortolan (escribidor sombrío Emberiza hortulana), paxariños previamente mortos por afogamento en augardente de armagnac e degustados enteiros na intimidade dun pano disposto na cabeza do comensal. Nesta escena coméntase que “é algo ilegal”, pero a morbique fixo que remataran degustando esta especie protexida en claro declive na súa área de distribución europea (do 14% entre os anos 80 e a pasada década) e en colapso poboacional (88% menos de aves de 1980 a 2016). Este “mórbico” menú non só é exclusivo da ficción: o que fora presidente de Francia entre 1981 e 1995, François Mitterrand (1916-1996), incluiu o ortolan nunha das súas derradeiras ceas antes de falecer. A pesar de ser ilegal, 30.000 escribidores sombríos son capturados cada ano en Francia. Ata a aparición da COVID-19 organizábanse viaxes para ver especies animais raras ou estrañas en contornas cada vez máis devastadas: as expedicións a Madagascar tiñan como obxecto a observación “urxente” de especies de lémures (mamíferos primates exclusivos da illa) e de vánxidos (aves tamén endémicas), gravemente ameazados pola deforestación. Empresas canadenses organizaban tamén tours para ver en liberdade os osos polares, que gañaban público ano tras ano. Estes turistas acudían desde lonxanos recunchos do planeta, a miúdo en contaminantes avións, levados tanto pola beleza do animal como, quizais, pola morbique de ver quizais os últimos osos polares sobreviventes ao quecemento global, ao cal contribúe, paradoxalmente, o tráfico aéreo.