La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

O primeiro festival para a visibilidade lésbica na cidade celébrase hoxe no Circo de Artesáns

Haberá actividades a partir das 19.00 horas, con música, bingo, humor e experiencias compartidas

Unha persoa, ante o cartel no Circo de Artesáns. | // CEDIDA POR LES CORUÑA

A asociación Les Coruña e Muller de 6 ollos escolleron o lema “Lesbiana, bollera, tortillera” para a primeira edición do Orgullo Lésbico na cidade, que se celebrará este martes, a partir das 19.00 horas, no Circo de Artesáns. Elixiron estas verbas porque as escoitaron moitas veces, porque aínda se seguen a usar como insulto e porque o seu obxectivo é liberalas de contido, que ninguén as poida utilizar como arma, porque xa non firen a ninguén. “Queremos que se lle perda o medo ás palabras, que as palabras non ofendan e que os insultos non teñan un carácter de xénero nin de sexo. Meterse con alguén pola súa condición sexual debería estar mal visto, ademais, se iso non nos ofendese, non tería sentido que o utilizasen para insultarnos”, relata Sandra López, que é a presidenta de Les Coruña.

Será un día de reivindicación e tamén de celebración pero, sobre todo, de visibilidade, de demostrar que quedan moitos dereitos aínda por conquistar e tamén de que están en perigo. “Somos as máis invisibilizadas de todo o colectivo porque os machismos chegan até ás formas de querer”, relata López, que pon sobre a mesa a realidade de que o discurso da ultradereita e o seu auxe en países europeos fai que se poidan dar retrocesos nos seus dereitos. “En Polonia, por exemplo, a Unión Europea deulle varios toques, pero sempre quedan en nada, parece que son menos importantes”, lamenta López. Sobre o auxe da ultradereita e tamén sobre a perda en dereitos co que estas formacións ameaza, López considera que se lle fai “un pouco raro” que persoas dos colectivos LGBTIQ poidan apoiar a estas formacións. “Fáiseme moi difícil pensar que poidan votar en contra do que nós somos como persoas e da nosa propia identidade”, reflexiona López.

Esta primeira edición contará cun micro aberto, no que falarán mulleres lesbianas sobre os seus traballos, tamén falarán das súas experiencias como activistas e escoitarán a quen se queira achegar e compartir as súas vivencias con elas. A compostelana Marta Gilinocon —baixo o nome artístico de Russ Dj— será a encargada de poñer música a esta primeira celebración do Orgullo Lésbico. Ana Varela e Mariola farán un bollibingo benéfico, utilizando tamén moito humor e moita música.

Despois, actuará O Rabelo, cunha fusión entre foliada, reguetón e até con espazo para a regueifa. Rocío Saiz, exvocalista das Cherleers, será a encargada de facer un discurso sobre a diversidade.

“A normalidade aínda non chegou, hai moita xente que aínda sofre discriminación pola súa orientación sexual, e máis as lesbianas, que probablemente sexa o colectivo peor visto socialmente”, relata López, que avoga por “poñer un gran de area” na visibilización a través de actos culturais e festivos. Sobre se a cidade é ou non acolledora co colectivo, López ten claro que o era, pero que o crime de Samuel Luiz ensinoulles que aínda quedaba “moito por traballar”.

Compartir el artículo

stats