Episodios da Cultura Científica

O achegamento aos labregos e gandeiros resultou clave nos éxitos da Granxa Agrícola de Monelos

Un vehículo da cátedra ambulante.

Un vehículo da cátedra ambulante. / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

Xosé A. Fraga. Historiador e divulgador da ciencia

Na principal entrada da Coruña, na zona arredor da Avenida de Alfonso Molina, houbo desde fins do século XIX ata 1964 unha singular instalación con varios edificios e un terreo que abranguía unha superficie de 16 hectáreas (equivalente a dezaseis campos de fútbol). Era a Granxa Agrícola de Monelos, chamada oficialmente a “Granja Experimental de La Coruña”. O primeiro centro de experimentación e difusión de novas técnicas agrícolas creado polo Estado para Galicia e Asturias, que —durante décadas— xogaría o papel pioneiro de foco de ciencia, de divulgación científica e de dinamización social e sensibilización ambiental.

Unha institución moi necesaria

Os problemas da produción agraria galega incrementáronse a fins do século XIX coa internacionalización do mercado agrícola e gandeiro. Enfermidades da vide e dos castiñeiros e a decadencia das exportacións de gando vacún ao Reino Unido favoreceron a crise do sector. Nese contexto xurdiu a Granxa cun papel “rexenerador” da agricultura, unha resposta cara o aumento da produtividade agraria e mellora gandeira, na liña do acontecido en diversos países europeos desde había décadas.

O centro, fundado en 1888, entrou en funcionamento en 1897 no Concello de Oza, concretamente en Monelos (na chamada “horta do Xeneral”), resultado da iniciativa da Deputación provincial coruñesa. Nos seus terreos realizáronse numerosas experiencias de cultivos nos campos de experimentación, probouse maquinaría e tiveron lugar concursos agrícolas e gandeiros e diversas exposicións.

Charla divulgativa no rural.

Concurso de gando / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

Os logros da Granxa

Desde a Granxa promoveuse a incorporación de maquinaria, o uso de abonos minerais axeitados e a selección das variedades de cultivo, o que favoreceu unha mellora da produtividade. A incorporación da Ciencia á produción agropecuaria que se aplicou, o que hoxe chamaríamos o I+D+i, deu importantes resultados. Imos citar, dun xeito ben resumido, os máis salientables. Entre eles figura a recuperación da cabana do vacún galego coa “creación” da raza rubia. Animais cunha tripla aptitude (para carne, leite e traballo) acadados —basicamente— polo que se denominou a “mellora por selección en pureza”. Un proceso no que resultaron clave os concursos de gando e no que xogou un papel importante o veterinario a quen este ano se rende homenaxe como “científico galego do ano”, Juan Rof Codina, residente na Coruña desde 1910.

O labor do persoal da Granxa fixo que se avanzara na selección dalgúns cereais para o seu cultivo, coa creación, por exemplo, do millo hibrido “Coruña”. Na relación de contribucións destacadas non podemos esquecer a creación da Estación de Fitopatoloxía Agrícola en 1928, anexa á Granxa, cun labor relevante na loita fronte as enfermidades que incidían nas plantas cultivadas, como o mildio e oídio, xunto co coidado ás froiteiras e cultivos de horta; tamén se traballou na hibridación do castiñeiro para facelo resistente á tinta, na loita contra o escaravello do Colorado nas patacas, etc.

Unha práctica de arboricultura.

Charla divulgativa no rural. / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

A introdución do cultivo do lúpulo constituíu outro éxito da institución, no fomento dunha agricultura intensiva e industrial. A raíz dunha viaxe de traballo en 1913 a Inglaterra do director da Granxa naquel tempo, Leopoldo Hernández Robredo, este decidiu promover a implantación deste cultivo, polas semellanzas agro-bioclimáticas entre o Sur de Inglaterra e a comarca das Mariñas. Coa axuda da familia Rivera e dalgúns agricultores betanceiros, o lúpulo galego gañou un lugar de preeminencia, facendo abandonar as importacións e fornecendo materia prima á industria cervexeira española especialmente cando a Primeira Guerra Mundial obriga a substituír as importacións.

Ademais, o persoal da Granxa colaborou activamente en iniciativas de sensibilización ambiental como a celebración anual da Festa da árbore. En 1913, un ano antes de que a celebración fose oficial, Hernández Robredo escribía na publicación con que o Concello coruñés promovía o evento: “Co sacho por pluma e o rego por tinta, escribirán hoxe os nenos sobre a terra, a páxina máis fermosa do libro Natureza; o arborado”.

As instalacións de Monelos foron importantes ademais na formación de especialistas. Desde o curso 1920-21 a Granxa dispuxo dunha Escola de Peritos Agrícolas, o primeiro centro de educación superior agrario en Galicia, con actividade ata 1924, que se transformou nunha Escola de Capataces Agrícolas, localizada primeiro en Betanzos e máis tarde en Bastiagueiro, onde hoxe están as instalacións do INEF da Universidade coruñesa.

Entrega de premios.

Unha práctica de arboricultura / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

O diálogo cos afectados e a difusión de novidades

A consecución deses logros e, sobre todo, a súa aplicación na realidade agraria, foi posible porque o persoal da Granxa botou man dunha ferramenta intanxible pero ben valiosa: a aposta polo diálogo e o convencemento pola práctica cos directamente afectados e implicados, os labregos e gandeiros. Desde ese recoñecemento dos interlocutores, dos destinatarios e actores dos cambios, resultou posible unha difusión eficaz das novidades. Un camiño que non sempre se seguiu —nin se sigue agora— desde todas as institucións científicas.

Anteriormente, a mediados do século XIX, diversos técnicos interesados polo mundo agrario, como foi o caso de Antonio Casares, José Planellas ou Antonio Valenzuela, centraron as súas receitas modernizadoras do agro na instrución, no coñecemento das novas técnicas. Esa posición deixaba fóra un paso fundamental na recepción de novidades, a experimentación das mesmas por quen tiña que aplicalas, a comprobación da súa eficacia polos destinatarios. Por outra banda, o interlocutor escollido e/ou desexado por eses técnicos, o suxeito principal de innovación, eran os grandes propietarios. Porén, estes, como aconteceu con José Pardo Bazán, alén da realización dalgunha práctica modernizadora de carácter limitado, delegaban a xestión das terras nas mans dos seus odiados administradores (o Primitivo que aparece no libro Los pazos de Ulloa) e residían lonxe do rural, vivindo das rendas agrarias nas cidades, como absentistas.

Exposición de productos (arriba). Reproducción da páxina inicial do ‘Boletín experimental  de La Coruña’, con data de  xullo de 1899.

Entrega de premios / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

A estratexia da Granxa foi diferente. E para o éxito da mesma aproveitouse, e favoreceu, do importante e plural movemento asociacionista que se propagou no agro galego nas primeiras décadas do século XX. Efectivamente, a renovación técnica foi da man coa social, co labor de persoas e grupos activos de labregos e gandeiros que dinamizaban a vida agraria e servían de canle de comunicación cos técnicos. Amosando un perfil do sector agrario —como xa hai uns trinta anos demostrou o profesor Lourenzo Fernández Prieto (USC)— ben diferente á tópica imaxe do atraso e resistencia ao novo. Ese achegamento da Granxa aos produtores botou man de múltiples fórmulas, entre elas o Boletín, a correspondencia, a cátedra ambulante, as charlas e os campos de demostración.

O achegamento aos labregos e gandeiros resultou clave nos éxitos da Granxa Agrícola de Monelos

Exposición de productos / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

O Boletín da Granxa e as consultas

O Boletín de la Granja experimental de La Coruña, voceiro da institución, foi a primeira publicación específica de carácter técnico-agrícola existente en Galicia. O primeiro número apareceu no mes de xullo de 1899, mantendo unha periodicidade, case sempre, mensual. Desde o ano 1900 aparecerá nel o resume da observación mensual da “Estación meteorológica de la Granja de La Coruña” (ata ese momento a estación do Instituto de ensino secundario local era a única da cidade, actual Eusebio da Guarda). Os contidos do Boletín salientaban polo ton divulgativo e o afán de asesoramento práctico cara os labregos e gandeiros. Adoitaba recoller notas breves con instrucións e consellos, incluíndo seccións sobre o material agrícola da Granxa, abonos, etc. Xa no número 1 se comunicaba como “Servicios propios de este Establecimiento”, entre outros: “1º Contestar de palabra o por escrito, si se acompaña el franqueo para la respuesta, cuantas consultas se hagan al Director sobre asuntos agrícolas, pecuarios o industriales. 2º Dar publicidad a todos los trabajos que se realicen en la Granja”. Esa iniciativa acadou unha notable resposta. Na Granxa recibíronse unhas 5.000 cartas ata o ano 1928, unhas 200 anuais, con preguntas sobre cuestións diversas.

O achegamento aos labregos e gandeiros resultou clave nos éxitos da Granxa Agrícola de Monelos

Reproducción da páxina inicial do ‘Boletín experimental de La Coruña’, con data de xullo de 1899 / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

Tamén se publicaban os resultados das experiencias realizadas nos terreos da Granxa, textos técnicos accesibles dos que era autor o director da institución. O primeiro deles, o enxeñeiro agrónomo Marceliano Álvarez, ao fronte da Granxa ata 1904, publicou once artigos. Os textos estaban agrupados baixo o epígrafe de “Campo de Experiencias de la Granja experimental de Coruña, e inícianse co que se titula “Los trigos de gran rendimiento en Galicia” (1900). Nel amósase o resultado da experiencia con vinte variedades de trigo cultivadas con doce clases de abonos, na busca da opción máis produtiva e do abono axeitado a cada variedade.

Os artigos, sempre breves, foron acadando un maior número co paso do tempo. En xeral os autores expuñan as experiencias co obxecto de convencer aos labregos e gandeiros das bondades das propostas. Afortunadamente, a día de hoxe consérvanse os exemplares do Boletín e diversa documentación da época na biblioteca do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), agardando a dixitalización necesaria para a súa axeitada preservación e difusión, como xa acontece co arquivo fotográfico (do que proceden as ilustracións que acompañan este texto).

Cátedra ambulante e campos de demostración

A cátedra ambulante funcionaba cun vehículo propio, que transportaba material de difusión e algunhas ferramentas para demostracións diversas e para acompañar as charlas de técnicos da Granxa polos núcleos rurais de toda Galicia.

A institución tamén creou os denominados “campos de demostración”. Estaban situados en vilas que eran cabeceiras de bisbarras importantes. Os primeiros créanse en Curtis e Pontedeume a inicios do século XX; séguenlle, despois de 1904, os de Santiago, Ortigueira, Outes, Teixeiro, A Baña e Vedra e outros, ata once, na provincia da Coruña e dezaseis en toda Galicia. Contaban, entre outras instalacións, cunha cabana de bois (país e simenthal) e de porcos Yorkshire e un depósito de maquinaria para prestar e animar para o seu uso aos produtores. Eses campos, nos que se repetían e difundían as prácticas que mellores resultados deran nos ensaios realizados na Granxa, convertéronse en puntos de referencia da innovación agropecuaria para os labregos, que comprobaban directamente como incorporar novas técnicas, máquinas e cultivos.

A desfeita da rede asociativa

As autoridades xurdidas do golpe de Estado do ano 1936 acabaron coas sociedades campesiñas que se construíran desde o comezo do século XX. Realizaron unha represión sistemática que desfixo a rede humana que xogaba un papel básico na recepción de novidades no agro galego. Iso crebou o diálogo dos técnicos co campo e freou a modernización do sector. Serían precisas varias décadas para retomar o proceso, pero o dano causado ao mundo rural foi irreparable.