O metaverso, ese mundo virtual anunciado por Mark Zuckerberg, hai tempo que xa existe en política. A fabricación de realidades virtuais para ocultar os problemas reais está á orde do día.

Vén todo isto a conto do proxecto, anunciado con chuvia de foguetes, de unir Oza coa praia de Santa Cristina cunha pasarela. Da Xunta dependen, por citar algúns exemplos, unha atención primaria cada vez máis colapsada, uns centros de ensino que acumulan múltiples necesidades, unhas residencias de maiores e centros de día que na Coruña son, a todas luces, insuficientes, e unha Consellería de Industria que na nosa comarca parece ter a función de levantar acta de defunción das industrias que pechan.

Da celebración dun Consello da Xunta na nosa cidade agardaríamos solucións a estes problemas. Mais non. Despois de que durante tempo o principal investimento da Xunta na Coruña fose a pasarela que conecta con Marineda City, o Goberno galego reuniuse na Coruña para anunciar unha nova pasarela.

Podemos discutir se no futuro esta pasarela tería sentido. Podemos falar sobre se gostamos ou non do seu deseño ou sobre se o emprazamento previsto é o máis axeitado. Mais, como di o noso refraneiro, non se debe poñer o carro antes que os bois.

Porque, xa postos, antes de falar de pasarelas hai que rexenerar a Ría do Burgo e tamén o seu bordo litoral no termo municipal da Coruña.

E antes de encher os xornais con ilustracións virtuais hai que estudar en que medida o proxecto afectaría as correntes, os bancos marisqueiros ou o sistema dunar de Santa Cristina. E por suposto, o serio e leal, antes de facer anuncios, sería falar coas restantes administracións competentes. Isto é, a Demarcación de Costas, pois é unha actuación dentro do dominio público marítimo-terrestre, e os Concellos da Coruña e Oleiros.

Mais non. A Núñez Feijóo non lle abonda con seguir sendo Presidente da Xunta en funcións, mentres dedica todos os seus esforzos a ser o líder da oposición en Madrid. Núñez Feijóo aínda ten tempo para comportarse como candidato do PP da Coruña ás vindeiras eleccións municipais, prometéndonos pasarelas.

Zuckerberg chámalle metaverso. Antes chamabámoslles ocorrencias.