La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Na memoria de Liaño

Na memoria de Liaño

Ser alcalde da Coruña é un privilexio que, entre outras cousas, me permitiu coñecer persoas e entidades que, doutro xeito, seguramente non se terían cruzado na miña vida, ou cando menos, non da mesma maneira. Unha destas persoas foi José Manuel Liaño Flores. Podería pensarse que, tendo en conta os nosos diferentes puntos de partida políticos e ideolóxicos, a relación entre nós estaba condenada a ser meramente protocolaria, no mellor dos casos. Mais non foi así. Confeso que o Liaño Flores que coñecín, xa nonaxenario, foi un home amable, cariñoso mesmo, e que sempre tiña unha palabra de afecto para comigo. Habitualmente presente nos actos institucionais aos que era convidado, era un gusto compartir conversa con el e escoitar as súas anécdotas.

A que me serve para lembralo hoxe é a que contaba como se fixo coa colección de reloxos que adorna o primeiro andar do Pazo de María Pita. Liaño acudiu en misión diplomática para convencer ao seu tío Antonio Ríos Mosquera, tamén recoñecido xurista coma el, para que a colección que posuía no seu domicilio privado, e que lle daba unha peculiar banda sonora ao mesmo, tivese como destino a Casa consistorial da Coruña.

Para min será imposible non lembrar a Liaño cada vez que vexa esas pezas históricas que adornan María Pita pero que, por sorte ou por desgraza, xa non regalan aos ocupantes do andar nobre do Pazo o seus rítmicos sons.

Seguramente, nun día como hoxe haxa moitas cousas que dicir de José Manuel Liaño Flores, e seguramente todas máis transcendentes que as contidas nestas liñas, mais son as cousas cotiás as que, en moitas ocasións, fican na nosa memoria e nos permiten lembrar quen estaba detrás dunha máis que coñecida e lonxeva traxectoria pública.

Sirvan estas palabras para trasladar as miñas condolencias á súa familia e amizades. Descansa en paz, José Manuel.

Compartir el artículo

stats