Definición: s. m. Declive global e súbito das poboacións de insectos, suxerindo un colapso ecolóxico a nivel planetario. Palabra de orixe inglesa derivada da combinación de insect (do latín insectum, insecto) e de armageddon (do grego clásico, lugar da fin do mundo). NOTA: esta verba non figura (aínda) no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Defaunación: perda de especies de animais, ou diminución das poboacións destes, nas comunidades ecolóxicas dun lugar concreto ou nivel global, causada pola actividade humana ou por motivos naturais. Ecocidio: calquera acto ilícito ou arbitrario perpetrado a sabendas de que existen grandes probabilidades de que cause danos graves que sexan extensos ou duradeiros no medio ambiente. Estas acepcións non aparecen aínda no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo? O declive global de insectos, coñecido coa palabra insectageddon só en anos recentes, vén sendo estudado por multitude de científicos e científicas ao logo das últimas décadas. Quizais a primeira alerta de alcance planetario sobre este impacto veu da man da ecóloga norteamericana Rachel Carson (1907–1964) quen, co seu libro de 1962 Silent Spring (Primavera Silenciosa en galego), describiu os efectos nocivos dos pesticidas sobre o medio ambiente en xeral e sobre os insectos polinizadores e as aves en particular, axudando a espertar unha conciencia global para loitar contra estes velenos e pola protección da natureza.

Por que está en auxe esta palabra? O insectageddon vense estudando dende hai máis dunha década en moitos lugares do chamado “Primeiro Mundo”: por exemplo, un recente artigo na revista PlosOne revela que as poboacións de insectos en reservas naturais de Alemaña diminuíron un 76% en 27 anos. Pero, realmente, o problema do colapso dos insectos é un fenómeno global. Noutro artigo, desta volta na revista Biological Conservation, revisáronse 75 estudos diferentes sobre insectos no mundo, concluíndo que as poboacións de máis do 40% destes invertebrados (incluíndo especies polinizadoras) están a diminuír, e que un terzo poden considerarse ameazados. A taxa de perda interanual de poboacións de insectos na Terra sería superior ao 2,5%, e afecta a todos os grupos, dende especies comúns e xeralistas (por exemplo abellas melíferas e bolboretas de áreas agrícolas) ata aqueles taxóns máis especialistas. A causa do descenso nas poboacións de insectos varía segundo o grupo e rexión xeográfica, sendo quizais o principal a destrución do hábitat pola agricultura e silvicultura intensiva, seguida do uso de pesticidas. Neste último caso non só afectarían directamente os insecticidas, senón os herbicidas que destrúen as plantas nutricias das larvas destes insectos e que, paradoxicamente, acaban por facer diminuír o rendemento das colleitas por falta de polinizadores. Outros problemas importantes que contribúen ao presente insectageddon global son o cambio climático, a urbanización (e iluminación artificial) desbocada, a introdución de especies exóticas invasoras (e novos patóxenos vencellados a estas) e a contaminación. Segundo o xornalista británico George Monbiot (n. 1963) o colapso das poboacións de insectos insinúa un colapso ecolóxico global. A produtividade dos terreos de cultivo a nivel mundial decreceu un 20% dende a Revolución Industrial, segundo o informe Global Land Outlook, sen visos de mellorar no futuro debido aos ritmos actuais de perda de solo e eliminación de insectos polinizadores, impulsados en gran parte, segundo a FAO, por malas prácticas agrícolas. O xornalista Monbiot fala das prioridades nesgadas no financiamento das investigacións: hai subvencións xigantescas para “ver como matar máis insectos e máis barato”, pero apenas hai diñeiro para descubrir cales poden ser os impactos desta matanza. Traballos científicos como o feito en Alemaña corren a cargo de naturalistas afeccionados, como outros moitos que se están a realizar a nivel global con datos da chamada ciencia cidadá.