Kiosco

La Opinión de A Coruña

Internet para a eficiencia enerxética e a seguridade

A iniciativa Conecta Coruña monitorizará datos de 213 edificios para controlar a súa ocupación e alertar dos niveis de gas radon

Instalacións da Casa da Auga, iluminadas pola noite. | // VÍCTOR ECHAVE

A Dirección General de la Entidad Pública Empresarial RED.ES vén de sacar a concurso o contrato de desenvolvemento da iniciativa Conecta Coruña, que ten como obxectivo dotar a 213 edificios da cidade de dispositivos conectados a internet que permitan que, a través da compilación de datos, se poida mellorar a súa eficiencia enerxética ou alertar de que os niveis de gas radon son superiores aos recomendables.

A iniciativa conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros e un prazo de execución de catorce meses. O proxecto está iniciado xa, segundo explica a información do contrato, polo que se teñen feito actuacións dentro da estratexia Coruña Smart City, que é algo así como “o cerebro da cidade”. Vén sendo unha plataforma que capta información dos edificios da rede e que serve tamén como un portal de acceso á cidadanía.

A xestión do ciclo da auga, tamén da calidade do aire e do ruído, a mellora enerxética en 54 edificios públicos e tamén na Casa da Auga e na Estación de Tratamento de Auga Potable da Telva son algúns dos proxectos que constan xa como iniciados neste punto. Outros aspectos que se teñen posto en marcha son a optimización do tráfico en tempo real e dos sistemas de información para o turismo, por exemplo, introducindo a realidade aumentada en visitas guiadas.

O proxecto, no seu estadio inicial, foi presentado en xullo de 2020, dentro dunha estratexia que se aplicaba en varias cidades piloto, como L’Hospitalet de Llobregat, Málaga, Móstoles, Sevilla, Terrassa, Valencia e Vigo, e, xa entón, establecía que a iniciativa se realizaría en 213 edificios de todo o termo municipal, dos cales, nove son edificios estatais, destinados a usos administrativos, comerciais, culturais, de defensa e transportes; 41 inmobles son autonómicos, tamén con usos administrativos, culturais, deportivos e educativos; doce edificios son provinciais, con usos administrativos, asistenciais, culturais, educativos e residenciais; 148 edificios son municipais que, ademais dos usos anteriores, inclúen tamén os servizos de auga, saneamento e residuos; e tamén tres edificios privados, destinados a usos administrativos e de saúde.

Nos edificios haberá sensores físicos e virtuais para o control da ocupación dos inmobles, contadores de augas intelixentes, tamén sensores de gas radon para a detección no interior, de xeito que, con eses datos, se poidan enviar alertas no caso de que haxa unha alta concentración deste gas. As medicións cruzaranse cos limiares da normativa vixente. “Cando se excedan estes límites enviaranse avisos que informarán e activarán o plan de actuación, que poderá comprender a renovación do aire coa apertura das fiestras, a regulación da temperatura ou nalgúns casos o selado de xuntas en solos e paredes”, segundo indica o proxecto.

No caso da auga, o obxectivo é “identificar rapidamente avarías e fugas” para reducir os inconvenientes causados e facer unha planificación máis eficiente para “realizar cortes e actuacións na rede xeral”. En canto á luz, haberá sensores de movemento e tamén de luminosidade, para regular a iluminación de xeito automático para que os edificios sexan máis sostibles. Outra das melloras é o desenvolvemento dun sistema de evacuación intelixente e centralizado dos edificios para “reducir os danos tanto persoais como materiais que se puidesen producir en situacións de emerxencia”, xa que se poden cruzar datos de cantas persoas hai no inmoble e tamén localizar o lugar concreto no que se produciu o incidente. Dentro desta actuación, a empresa gañadora terá que desenvolver melloras nas aplicacións que ofrecerán acceso directo a información do aeroporto, do porto, do ferrocarril, do autobús, entre outros.

Compartir el artículo

stats