Para lembrar a Florencio Delgado Gurriarán, pero tamén para demostrar a pequenos e maiores que en galego se pode chegar moi lonxe, as rúas e prazas da cidade enchéronse onte de iniciativas para animar a quen non o estea xa a falar en galego. “Aínda que sexa pouco a pouco”, como di a presidenta da Asociación de Nais e Pais do centro Emilia Pardo Bazán, Eva Louzán. A entidade colgou nas súas redes sociais un vídeo no que levaban traballando “desde o mes de xaneiro” e que compila mensaxes a prol do uso do galego, entre eles, os de deportistas como Ian Mackay, porteiro do Dépor; Teresa Portela, medallista olímpica, ou o exbaloncestista Fernando Romay. Tamén de cantantes como Guadi Galego ou Xabier Díaz ou artistas como Pakolas, que lle conta á comunidade educativa que el se criou en México, así que, cando chegou a Galicia alá polo ano 2000, falaba castelán con vocabulario mexicano, pero que, aínda así, se animou a falar en galego e leva percorrendo o mundo coa súa música desde entón.

Baile tradicional, no Campo da Leña. | // CARLOS PARDELLAS

Para que os nenos e nenas visen outras caras coñecidas no vídeo, tamén os mestres e mestras do centro participaron nesta iniciativa que non ten outro obxectivo que animar a quen o vexa a valorar o tesouro de ter unha lingua propia. “Ao final, o único galego que se fala mal é o que se cala”, resume Eva Louzán, que agradece a súa disposición a todas as persoas que lles mandaron a súa mensaxe gravada.

Pasarrúas en Méndez Núñez. | // CARLOS PARDELLAS

Con este mesmo obxectivo e coa intención de lembrar algúns dos versos do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán, o Concello organizou unha lectura pública dos seus poemas, que abriu a alcaldesa, Inés Rey, con Aí vén o maio. A agrupación Os do fondo da barra, de Xacarandaina, foi a encargada de lle poñer música a este acto, celebrado nos soportais de María Pita. Para a súa intervención, o concelleiro de Marea Atlántica Alberto Lema escolleu o poema Amencer (Na emposta da chegada dos katiuskas a Madrid), en referencia aos cohetes que a Unión Soviética lle fornecía á república, e no que Florencio Delgado reivindicaba “sol e lus para todos / para todos ar ledo”.

Captura do vídeo da ANPA Milenenos, con Touriñán. | // LA OPINIÓN

A pesar de que o tempo non acompañou durante toda a xornada, xa que choveu pola mañá e pola tarde, outras agrupacións como Os Gaiteiriños, Eidos, Son d’aquí, Cántigas da Terra e Donaire levaron a música e o baile galegos ás prazas e ás rúas da cidade. O día de onte foi de celebración, de lembrar versos bonitos e de reivindicación, mais para todos aqueles que participaron nos actos do Día das Letras Galegas, o reto preséntase hoxe e mañá e a semana que vén, xa que a loita pola conservación do idioma non é cousa dunha xornada, senón dun traballo diario.

Os do fondo da barra, onte en María Pita. | // CARLOS PARDELLAS

“Eu creo que temos unha materia pendente toda a cidade, por iso quixemos facer este vídeo, para demostrarlle aos rapaces e ás rapazas que se pode chegar moi lonxe falando galego”, comenta Eva Louzán, que agradece a todas as persoas que participaron neste proxecto, por investir parte do seu tempo nesta iniciativa, xa que, ademais de moitas caras coñecidas da música, da literatura e doutras artes, tamén participan os bombeiros da Coruña e as traballadoras do servizo de enfermaría do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), porque elas tamén falan galego no seu día a día, entre elas e cos doentes.