A xente ten o poder, cantaba Patti Smith, e os museos, este ano, tamén. Así o recolle o lema co que o Día Internacional dos Museos busca estimular ao público para que acuda a celebrar a oferta artística das súas cidades. O poder dos museos é a frase escollida para conmemorar, este 18 de maio, o traballo que se vén desenvolvendo nas salas e nos complexos museísticos ao longo do ano. A meirande parte das instalacións artísticas e lúdicas da cidade chegaron ben preparadas para a celebración da efeméride poñendo as súas mellores galas, e conmemorando o seu día como mellor saben: invitando á cidadanía a descubrir os seus segredos. Instalacións como o Museo de Estrella Galicia, o Aquarium Finisterrae, a Casa das Ciencias e a Casa do Home ofrecerán xornadas de portas abertas para que os interesados poidan gozar das súas exposicións de xeito gratuito.

Algunhas das salas estenderán o seu horario de apertura máis alá do serán, como o Museo de Belas Artes, que conmemorará a Noite dos Museos cun horario prologado ata as 23.00 horas o sábado. Así procederá, tamén, a sede de Afundación, que abrirá ao público ata as 21.30 horas.

Todas as salas da cidade ofrecerán unha programación diversa e gratuíta que é quen de adaptarse a todos os gustos e a todas as idades. Dende as actividades centradas na ciencia e a tecnoloxía que acubillará o Muncyt, con proxeccións, coloquios, faladoiro e debates, ata o regreso ao pasado do Museo Arqueolóxico, que porá a disposición dos amantes da historia, pequenos e grandes, unha serie de obradoiros de arqueoloxía. A divulgación e a formación compoñen programación escollida das casas museo municipais e o Quiosco Alfonso, con obradoiros sobre a figura de María Casares co gallo do seu centenario e distintas actividades nas casas Picasso, Casares Quiroga e María Pita. Unha celebración do arte e a cultura de proximidade na que non faltará a música, con concertos divididos entre o Aquarium Finisterrae, Belas Artes, o Museo Militar e o Museo Arqueolóxico.

Portas abertas e experiencia artística e gastronómica no Museo de Estrella Galicia

O Museo de Estrella Galicia (MEGA) é unha das propostas de ocio máis potentes das que dispón a cidade. O templo da cervexa unirase ao Día Internacional dos Museo cunha xornada de portas abertas que se celebrará este domingo, día 22 de maio, entre as 10.30 e as 20.00 horas, nas que o público poderá acceder a catro intervencións artísticas que fusionan arte, gastronomía e cervexa. Unha proposta innovadora que nace en colaboración co Festival Intersección, centrado no videoarte e a creación artística contemporánea, que seleccionou a catro talentos en potencia para reinterpretar as súas salas con obras vangardistas. Os artistas Lúa Gándara, David Fidalgo, Colectivo Mariola (Cristina Chiarroni y Roquekes) e David Catá son os creadores escollidos para participar no proxecto Arte cos cinco sentidos. Os creadores presentarán as súas obras Arredor, TT, A e Obriga, ao tempo que os visitantes gozan dun maridaxe de cervexas de distintas variedades de 1906 e catro pratos ideados especificamente para a ocasión mentres contemplan as creacións. A entrada inclue unha visita de 90 minutos de duración ás catro salas intervidas do museo polos artistas, Orígenes, Familia, Silo e Así Somos. As invitacións para experimentar a proposta están dispoñibles a través da web www.mundoestrellagalicia.es. A entrada é gratuita ata completar aforo, que está limitado a un máximo de 14 persoas por quenda. Ao longo do día, sucederanse oito quendas que se estenderán dende as 11.00 horas da mañá do domingo ata as 20.00 horas do serán.

Exposición para invidentes en Belas Artes C. PARDELLAS

Visitas musicadas de tradición oral, soul clásico e actividades sustentables en Belas Artes

O Museo de Belas Artes da Coruña, en Zalaeta, sumarase á efeméride que celebra o sector cunha programación especial que se estenderá dende o 18 ao 22 de maio, e que inclúe visitas guiadas, música e obradoiros. As actividades do complexo museístico da Xunta propón unha serie de actividades de acceso libre e gratuíto ata completar a aforo, agás no caso dos obradoiros, que requiren inscrición previa. A información sobre as actividades organizadas pode consultarse na web do museo. As actividades darán comezo mañá cunha xornada de portas abertas, con visitas escolares en horario de mañá nas que participarán centros educativos de Primaria e Secundaria. Pola tarde haberá visitas musicadas en dúas quendas, ás 18.00 e ás 19.30, da man do grupo betanceiro Proxecto Pesquedellas. O grupo, que traballa a investigación do folclore e divulga a música galega de tradición oral. O sábado, Belas Artes conmemorará a Noite dos Museos, cun horario de apertura prolongado ata as 23. 00 horas. Ademais, desenvolverase o obradoiro familiar Nas nosas mans, centrado na sustentabilidade. O grupo compostelán Carla Green & The Demons pechará os actos co concerto Soul no Museo, que repasará temas de artistas como Etta James, Otis Redding ou Wilson Pickett, entre outros.

Fachada do Quiosco Alfonso. | // VÍCTOR ECHAVE

Obradoiros familiares sobre María Casares en Méndez Núñez

O Quiosco Alfonso chega ao Día Internacional dos Museos case de estrea dunha das súas propostas máis potentes dos seus últimos tempos. A sala municipal inaugurou a semana pasada a mostra María Casares, Actriz Océano, un conxunto que repasa, a través de retratos, textos e obxectos persoais e familiares, a traxectoria vital e profesional de María Casares, co gallo do centenario do seu nacemento na Coruña, baixo o comisariado da historiadora María Lopo. Ademais, para seguir coñecendo a historia da actriz, este sábado realizaranse dous obradoiros familiares, que levarán como título Descubrindo a María Casares. A actividade desenvolveranse en dúas quendas, ás 12.00 horas na xornada de mañá e ás 18.00 horas na de tarde. A duración aproximada da actividade é dunha hora e a entrada é de balde. Para participar nos obradoiros será necesario formalizar unha reserva previa a través do correo electrónico e.ferro@coruna.gal.

Visitantes nunha das salas do Museo Militar. | // VÍCTOR ECHAVE

Xogos, premios e concerto no Museo Histórico Militar

O Museo Histórico Militar porá a súa parte no Día Internacional dos Museos cunha xornada chea de actividades de ocio e xogos nas súas instalacións. O 18 de maio, o museo dedicado á historia militar abrirá as portas da súa exposición permanente a un programa no que terán cabida todos os públicos. O día transcorrerá entre xogos e concursos, que contarán, á clausura da xornada, cunha entrega de premios destinada aos gañadores das distintas actividades. Antes da entrega, e como peche á iniciativa, compoñentes da Unidad de Música del Cuartel General del Mando de Apoyo a la Maniobra ofrecerán un concerto. A entrada a todas as actividades, incluída a actuación musical, será libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible.

Mostra sobre María Casares, na casa museo Casares Quiroga. | /CARLOS PARDELLAS

Concerto no Aquarium e visitas e obradoiros nas Casas Museo

As salas municipais propoñen unha programación diversa que inclúe, como sedes, ás Casas Museo e os Museos Científicos. As casas museo serán escenario de visitas guiadas cada 30 minutos, en horario de 17.30 horas ata as 20.00 horas. Os percorridos desenvolveranse nas tres casas, Picasso, María Pita e Casares Quiroga. Nesta última, o Orfeón Herculino fará un concerto de balde ás 20.30 horas. Na Casa Museo María Pita haberá un obradoiro de instrumentos musicais cada 20 minutos, en horario de 18.00 a 19.00 horas, con 10 prazas por quenda. Na Casa Museo Casares Picasso farase un obradoiro de chapas, que será cada 15 minutos con 15 prazas por quenda. As actividades son gratuítas, con previa inscrición no correo diamuseoscasascoruna@gmail.com. Os museos científicos ofrecerán unha xornada de portas abertas durante todo o mércores, que se completará cun concerto, no Aquarium Finisterrae, a cargo da plataforma musical Sofar Sounds.

Interior do Muncyt. | // CARLOS PARDELLAS

Faladoiros sobre gastronomía, proxeccións e música en directo con sabor a ciencia

O Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) propón para a efeméride unha oferta de ocio diferente e centrada na ciencia e na divulgación, que comezará mañá cun debate entre a biomédica María Pardo e o restaurador Pablo Gallego, que falarán ás 19.00 horas sobre a relación entre a gastronomía e a globalización e a influencia da comida lixo. O Museo proxectará o clásico Metrópolis de Fritz Lang, o venres ás 19.00 horas. A proxección contará coa música en directo de Caspervek Trío, un grupo composto polo pianista Brais González e o percusionista Blas Castañer, unha referencia nos cine-concertos, con máis de 200 actuacións en 14 países. As actividades culminarán o vindeiro mércores día 25 ás 19.00 horas coa charla Que la ciencia te acompañe: diálogos de películas con errores científicos, impartida por Miguel Barral Precedo, sobre as couces á ciencia que aparecen nalgúns filmes populares.

Mostra no museo Arqueolóxico. V.E.

Visitas guiadas, arqueoloxía para pequenos e grandes e a Orquestra Gaos en Santo Antón

O Museo Arqueolóxico e Histórico, situado no Castelo de Santo Antón, concentrará algunhas das actividades máis estimulantes do Día Internacional dos Museos na Cidade. A programación arrancará o sábado con visitas guiadas en horario de mañá (12.00 horas) e tarde (18.00 horas), orientadas ao público adulto, para as que estarán dispoñibles 25 prazas, que se poden reservar facendo unha inscrición previa no teléfono 981 189 850. Para os cativos de 6 a 12 anos, haberá dous obradoiros de arqueoloxía infantís: Xogando na antiga Roma, ás 11.45 horas e A arte das pedras, ás 17.00 h. Para os adultos, o museo propón un obradoiro de arqueoloxía baixo o título Pinceladas históricas, que terá lugar ás 19.00 horas, con inscrición previa no mesmo número. Para rematar a xornada, a Orquestra Gaos ofrecerá un concerto ás 22.00 horas, con entrada de balde