O novo traballo de Xoán Eiriz rende unha homenaxe a Rosalía de Castro. Amada Rosalía leva o mesmo título que un poemario do escritor ourensán Suso Díaz. Da súa colaboración xurdiu este proxecto de catro temas, que xa aventura unha segunda parte musicando máis versos co seu son particular.

Cal foi a orixe de Amada Rosalía?

Suso Díaz, que é un poeta galego contemporáneo, presentoume este proxecto. Pareceume moi orixinal. Hai moitas poesías dedicadas a Rosalía de Castro, non só en galego, tamén en portugués ou catalán, pero non atopamos un libro poético con 85 poemas escritos na súa memoria. Era a primeira vez que se facía. A orixinalidade do proxecto animoume a gravar e poñerlle música a estas poesías, que son todas moi bonitas. Este foi un traballo a tres partes. Por unha banda, Suso Díaz. Por outra, Nacho Varela, que converteu as poesías en música. E por último está a miña voz. Que me chamaron a min como poderían ter chamado a outro porque en Galicia hai moi boas voces.

O disco contén catro temas dos 85 poemas que tiña o libro. Por que escolleu eses catro en concreto?

O disco ía ter oito temas. Eu non son partidario de facer traballos moi sobrecargados. Prefiro que as cancións teñan personalidade propia. Os temas son completamente diferentes, cada un podería formar un disco por si só. Por que estas catro cancións? Nós comezamos o traballo o ano pasado, en febreiro, e terminámolo en novembro. Por circunstancias do coronavirus levabamos só catro temas. Por iso este disco é a primeira entrega. Ao chegar a novembro, o tres pensabamos que o disco xa tiña peso suficiente e consideramos editalo. Ao elixir as poesías, o que máis me chamou a atención é que tiñan moita música dentro. Estes poemas naceron para seren cantandos.

Confirma unha nova colaboración con Suso Díaz sobre textos deste libro?

Si, por suposto. Deixo a porta aberta a facer a segunda entrega. Isto, ademais, ten unha gran orixinalidade por todos os lados. Comezando pola portada, que é obra de Modesto Brocos, pintor coetáneo de Rosalía de Castro. Suso díxome que esa, a de Brocos, era a auténtica Rosalía. E isto levámolo ás cancións, bebendo de reminiscencias da música celta a nivel de percusión, violíns e acordeóns.

Este é xa o decimoquinto disco da súa traxectoria.

Mentres sigan comprando a miña música, tomarei con moita disciplina cada traballo que fago. Para gravar unha canción hai que darlle moitas voltas. Sempre tratei de demostrar que o galego serve para cantar. Cando escriben para ti unha canción nova é un traballo moi intenso. Tratas de introducirte nela, de facela túa. Un disco non se pode producir en catro horas, é un traballo que necesita máis tempo.

Como ve a escena musical en galego na actualidade?

Estamos nun momento moi fermoso. Están a facerse traballos moi ben feitos, que levan tempo. Queda claro o bo nivel da música tradicional, máis agora coas Tanxugueiras. Quizá boto un pouco de menos a canción de autor. Aínda así, penso que a situación é boa.