A vicevoceira do BNG, Avia Veira, preguntou na sesión plenaria de onte sobre o grao de cumprimento da ordenanza do galego un ano despois da súa aprobación. Na súa resposta, o voceiro municipal, José Manuel Lage, adiantou que durante este ano, o Concello renovará toda a sinaléctica municipal para homoxeneizar o seu deseño e tamén para adaptala á ordenanza, de xeito que se cumpra o obxectivo de ir dándolle pulo á normativa. Veira destacou que, se ben había departamentos como o de informática que se afanaban en usar o galego como lingua vehicular ou a Orquestra Sinfónica de Galicia, que fai as súas comunicacións tamén en galego, detectábanse incumprimentos moi chamativos, como “intervencións en castelán incluso en actos de homenaxe a Rosalía de Castro”. Veira urxiu ao Goberno local á creación do Consello Local da Lingua así como a poñer en marcha iniciativas para o fomento do galego.