Como de Galdós a respecto de Madrid, podemos dicir que Curros Enríquez naceu na Coruña cando tiña algo máis de trinta anos. Foi, efectivamente, en 1881 cando comeza unha mutua relación de lealdade entre o escritor e a cidade con ocasión da revogación da sentenza condenatoria da Audiencia de Ourense por inxurias, según acusación do bispo Cesáreo Rodrigo, contidas no libro Aires da miña terra. Quería o bispo, según reza o escrito acusatorio, arredar aos “amados diocesanos” do devandito libro. Que por certo se esgotou deseguida como consecuencia da propaganda gratuíta.

Fora defendido en Ourense polo avogado e amigo Paz Novoa, recoñecido republicano amigo de Murguía. A apelación posterior na Coruña, presentada e defendida polo avogado Luciano Puga y Blanco, consegue a derrogación da arbitraria sentenza e anoou definitivamente o poeta á cidade herculina. A sentenza absolutoria, apoiada pola prensa local e polas forzas liberais, foi aplaudida por unha sala chea de público incondicional. O avogado Puga Blanco, pai do famoso Picadillo e de María Concepción (Mariquiña) a quen Curros dedicará un famoso poema musicado por Chané, era natural de Celanova, concretamente de A Merca e como gobernador xeral que foi en Cuba recomendou a Curros a Nicolás María Rivero, do Diario de La Marina.

MONUMENTO CURROS ENRIQUEZ EN JARDINES DE MENDEZ NUÑEZ CARLOS PARDELLAS

Digamos que esta absolución de 1881 foi o primeiro chanzo dunha relación poeta-cidade que perdurará moitos anos despois de morto Curros.

O segundo chanzo deste singular idilio ocorre en 1893, coa moi activa participación do avogado defensor de Curros, con motivo dos sucesos de 1893 provocados polo decreto de marzo deste ano polo que se pretendía o traslado da Capitanía Xeral con sede na Coruña desde 1480, a León.

Deseguida se espalla pola cidade que a causa do arbitrario traslado era a vontade de Sagasta que quería protexer e arroupar politicamente a un xenro, fillo do coñecido boticario leonés señor Merino, contando coa complicidade do Ministro da Guerra, Sr. López Domínguez. Deste xeito o decreto caciquil e inxusto tiña dous rostros concretos e visibles contra dos que dirixir as iras populares.

A cronoloxía dos feitos podémola seguir polo miúdo a través da prensa coruñesa e galega: na segunda semana de marzo de 1893 aparecen os primeiros artigos de adhesión asinados polo xeneral Sánchez Bregua que esgrime argumentos estratéxicos de natureza militar para descalificar o proxecto de división militar. É importante este premonitorio artigo (División territorial militar, en Diario de Avisos (14-III-1893 e 19-III-1893) porque os seus argumentos serán empregados unha e otra vez nos escritos oficiais da Junta de Defensa.

Ditame no que o académico Chamoso Lamas rexeita contundentemente o traslado da estatua de Curros. (l) L. O.

O xornal coruñés Diario de Avisos dá conta, na súa edición de dezaséis de marzo, dos miles de persoas que acompañaron á Corporación Municipal desde San Xurxo ata o Goberno Civil e Capitanía Xeral onde se presentan cartas de protesta dirixidas ó ministro de Guerra e ó presidente do Consello de Ministros. Deseguida chegan as primeiras adhesións de Madrid: Becerra, Eduardo Gasset, López Mora, Centro Galego de Madrid, etc.

Se seguimos lendo calquera dos xornais da Coruña (La Voz de Galicia, Diario de Avisos, El Anunciador, La Mañana, etc.) recolleremos selectivamente fitos importantes no movemento de protesta e resistencia, así se comezaba a denominar, protagonizado polo pobo e autoridades municipais da Coruña: o día 19 de marzo será unha data importante no discorrer dos acontecementos, porque dimite a Corporación co seu alcalde, José Soto, á cabeza e nunha reunión posterior na Reunión de Artesanos queda constituida a Junta de Defensa de La Coruña, presidida polo mesmo alcalde e outras corenta persoas en representación do Casino Republicano, Reunión de Artesanos, Sporting Club, Casino Federal, etc.

Nun primeiro momento son moitas as reticencias e resentimentos de distintas cidades e vilas de Galicia que ven a Junta de Defensa de La Coruña como un movemento localista e acaparador. Estas non van cambiar ata que os distintos Comités Rexionalistas de Galicia comezan a proxectar sobre o movemento as ideas reivindicativas dun país que desexa proxectarse e desenvolverse malia o caciquismo e os atrancos políticos da Corte. A tese principal do rexionalismo era que Galicia, e non só Coruña, quedaba desposuída dunha institución histórica que dalgún xeito era testigo e testemuño do antigo Reino desde 1480. Malia que eran moitas as ideoloxías representadas na Junta de Defensa, serán os rexionalistas os que mellor e con maior profundidade aportaron argumentos de cohesión, entre outras razóns porque no seu horizonte político estaba moi clara a idea de preservar as institucións históricas como garantía da súa independencia e personalidade. Curros neste momento escribe varios artigos defendendo as teses rexionalistas e enfrontándose ao monterismo.

Expediente a Murguía

O Comité Central rexionalista, presidido por Murguía, con sede en Santiago, cobra cada vez maior protagonismo nomeando a Aurelio Ribalta como representante na Xunta de Defensa, que se está a denominar xa Junta de Defensa de Galicia coincidindo co solemne manifesto que o órgano central dirixe á opinión pública asinado polo Presidente Murguía, Brañas, Cabeza de León e Tarrío. Manifesto que será causa dun expediente a Murguía cando exercía como bibliotecario na Universidade de Santiago, motivado pola prohibición de actividades políticas aos funcionarios. A defensa de Murguía basada no trato discriminatorio a respecto dos tamén firmantes funcionarios Brañas e Cabeza de León, non serviron para paralizar o expediente.

Ditame no que o académico Chamoso Lamas rexeita contundentemente o traslado da estatua de Curros. (l) L. O.

Os sucesivos acontecementos, ameazas, promesas, prohibicións, encarcelamento de todos os membros da Xunta de Defensa de Galicia e posterior levantamento cidadán, con máis de 20.000 persoas na rúa entre adhesións de toda España e de todos os Comités Rexionalistas de Galicia, serán recollidos en tres libros (Carlos Martínez Esparís, La resistencia gallega (Coruña, outubro, 1893); Modesto Castilla, Historia de la Junta de Defensa de Galicia (Coruña, 1894); e Salvador Golpe, De la Coruña a la cárcel pasando por Galicia (Coruña, 1894), case coetáneos dos acontecementos.

De marzo a outubro de 1893 os xornais coruñeses e galegos tiñan unha sección fixa para informar das novidades arredor do suceso que nos ocupa e ata se fundaron algunhas publicacións, coma o ourensán La Defensa de Galicia, dirixido polo rexionalista Alberto García Ferreiro.

Dixemos que Curros publicara unha serie de artigos na capital do estado defendendo a causa da Capitanía. Está a coincidir esta actitude do poeta de Celanova coa primeira fundación do Centro Galego de Madrid en 1893, enteiramente rexionalista baixo a presidencia de Rodríguez Carracido. Na solemne velada fundacional será coroado por primeira vez Curros Enríquez que fai unha brillante defensa das ideas rexionalistas.

Este acto explica que a adhesión de Curros e a do Centro Galego de Madrid chegasen xuntas e tivesen unha resoancia especial porque o escritor era xa neste momento a voz poética do rexionalismo.

As homenaxes da Coruña a Curros

Esta adhesión e os artigos de Curros lidos e pregoados nos actos centrais celebrados pola Xunta de Defensa serán lembrados anos máis tarde cando as sociedades progresistas da cidade da Coruña chamen ó pobo para que acompañen a Curros na coroación do 1904 ou, anos máis tarde para levalo respectuosa e multitudinariamente ó cemiterio coruñés no que está sepultado. A cidade nunca esqueceu a Curros, que quedará para sempre asociado ao coruñesismo defensor das liberdades e da identidade de Galicia. Volve a renderlle homenaxe a cidade cando se inaugura o seu monumento en 1934 ou cando celebra, diante del, con máis de vinte mil persoas presentes no recheo, daquela cara o mar, o triunfo do plebiscito da Autonomía o 29 de xuño de 1936.

Entre este inicial coruñesismo rexionalista defendido por Curros en 1893 e o denominado así na posguerra non hai a máis mínima coincidencia a pesar dos intentos de asocialos cando en 1982 se reivindicaba a capitalidade de Galicia para Coruña. Esta xa esquecera a relación solidaria e fraternal forxada entre a cidade e o poeta, petrificada e metaforizada no magnífico monumento de Asorey nos xardíns de Méndez Núñez. As tensións entre o que se quere lembrar e o que se quere esquecer provocaron un intento, afortudamente fracasado, de trasladar este poderoso lugar de memoria. 

Todo comeza, según documentación custodiada na RAG, pola carta que o bibliotecario señor Naya Pérez dirixe ao seupresidente, con data 13 de xaneiro de 1970, comunicándolle a posibilidade do traslado do monumento ao parque de Santa Margarita, comunicada polo alcalde Pérez Ardá. Seguidamente A Xunta de Goberno da RAG visita ao alcalde, lembremos que compartían a casa do concello, para comunicarlle as xestións realizadas. Vales Villamarín, secretario da RAG, envía un saúda aos compañeiros de corporación con data 14 de febreiro solicitándolles opinión sobre o problema do traslado. A partir do mesmo día 15 deste mes de febreiro comezan a recibirse na RAG as contestacións de Ramón Piñeiro, Bouza Brey, Álvarez Blázquez, Del Riego, Chao, Fraguas, Meijide, Luís Iglesias, Sabell, Carballo, Fole, etc. ata un total de dezanove contestacións. As opinións recollidas coinciden, maioritariamente, en que o monumento debe permanecer nos xardíns de Méndez Núñez. 

Finalmente en sesión extraordinaria celebrada o 15 de febreiro de 1970 a RAG acordou, por unanimidade, adoptar como resposta oficial o ditame remitido no seu día polo académico Chamoso Lamas que, apoiándose en criterios técnicos e estéticos, algúns deles comunicados polo propio Asorey, rexeita contundentemente o traslado tal como podemos ler na ilustración que acompaña este relato.

Remata deste xeito un asunto que ten outros moitos capítulos e que pode ser contemplado e lido desde ángulos diferentes. O que é indubidable é a potencia simbólica que aínda hoxe conserva a figura pétrea de Curros malia que deixou de contemplar o mar. Curros Enríquez no corazón da Coruña e de Galicia.