La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Olga Kirk Directora da Asociación Cultural Donaire

“A música e o baile están moi relacionados e unha cousa non se vive sen a outra”

A asociación musical coruñesa leva máis de dúas décadas traballando a prol da difusión do folclore galego e na gala ofrecerán no escenario unha ampla mostra do que saben facer

Olga Kirk, nun ensaio nos locais de Donaire. | // A.C. DONAIRE

Como se produciu o nacemento da asociación?

Pablo Díaz e mais eu dábamos clase a un grupo de xente, unhas trinta persoas, que eran todos do barrios dos Castros. As aulas facíanse nas instalacións co centro cívico municipal de San Diego. A súa xunta directiva viu o interese que espertaba entre a rapazada a música e o baile tradicional e decidiron meterse de cheo. De aí nace este proxecto, que comezou cunha traballadora e agora temos a oito persoas en nómina, o que dá unha idea clara de como foi medrando co paso dos anos.

Que valoración fai destes vinte e dous anos de vida que cumpriron en Donaire?

Principiamos cos máis pequenos e agora temos xente de moitas idades. Medramos de tal xeito que debemos coller un polígono na Grela para desenvolver as actividades. Era un paso que debiamos dar e na primeira nave houbo un traballo brutal da xente da asociación para acondicionala. Por certo, hai pouco mudámonos a outra tamén na Grela. O alugueiro non é barato, mais era necesario ter locais de ensaio en boas condicións. Temos arredor de 700 alumnos e iso xa dá unha dimensión da asociación, na que contamos cuns 500 socios. A rapazada que asiste foi medrando e algúns son fillos dos nosos asociados. Ás veces damos dúas ou tres aulas ao mesmo tempo.

É case inevitable comentar o fenómeno Tanxugueiras. Que efecto produciu? Notaron a máis xente interesada na música que bebe da tradición?

Notámolo. A nivel cultural e de lingua coido que é un agasallo o que sucedeu con elas. Considero que para os rapaces que van ao instituto e que lles gusta a música tradicional foi como unha reafirmación do seu gusto, que esa música podía molar e ser prezada a nivel social e iso levounos a sentir orgullo. Aos catorce anos tes inseguridades e podían ter un chisco de vergoña, pero agora van coa fachenda de dicir mira o que sabemos facer. No instituto Monte das Moas fixeron hai pouco unha foliada e os que tocaban pandeireta ou bailaban eran moi ben considerados polos compañeiros.

Vostede leva máis de trinta anos traballando no folclore galego. Que diferenzas percibe dende aqueles tempos nos que comezou esa actividade á actualidade?

Comecei a finais dos oitenta- comezos dos noventa, un momento onde había unha eclosión e esplendor da música folk galega e iso notábase en todos os festivais. Daquela a tradición máis pura estaba máis ruralizada. O que notei nos anos seguintes é que non tiña pouso a nivel social. O pensamento era máis hermético e pechado e todo foi evolucionando para se facer máis aberto á sociedade. Agora nunha foliada anímase a bailar calquera. Daquela quizais a xente só pensaba en bailar enriba dun escenario e iso mudou, o que axuda a súa popularización.

É importante que os máis novos se incorporen e vivan a nosa música e tradicións. Co espectáculo O berce de Donaire ofrecen unha mostra do traballo dos máis cativos.

Ese é un espectáculo que facemos anualmente con nenas e nenos de ata 12 anos de idade. Tamén realizamos outro no que xa participan alumnos de calquera idade. Traballar cos máis pequenos é fundamental porque son o futuro. O que notei é que se antes a transmisión interxeracional era de nais e pais a fillas e fillos, agora é máis do mestre ao alumnado.

Tiñamos ganas de levar o baile tradicional aos espectadores da gala e será Donaire o que poña en escena a bailadoras e bailadores…

Para nós vai ser moi bonito poder bailar no teatro Rosalía. A música e o baile están moi relacionados e unha cousa non se vive sen a outra. A xente adoita bailar nos concertos ao aire libre porque é un xeito magnífico de gozar coa música e ser partícipe dela.

Que outras cousas vai poder contemplar o público que presencie a actuación?

Imos tocar pezas de diferentes estilos e zonas para ofrecer unha boa variedade do que facemos. En agosto imos ao Festival Intercéltico de Lorient e esta pequena actuación vainos servir de proba do que pretendemos realizar na Bretaña. No escenario haberá charanga, pandeiretas e todo o sabor da nosa tradición. Será unha mostra do labor que desenvolvemos.

Na asociación Donaire dan clase de gaita, pandeireta, percusión, acordeón, baile tradicional e pandeiro. Cal sería a nova actividade que lle gustaría incorporar para o alumnado?

Estaría ben unha clase de teatro. Sería algo que nos axudase na expresión corporal e véxoo como algo moi interesante. En canto ao puramente musical, gustaríame engadir algún instrumento que tivese que ver coa nosa tradición, así que estaría ben poder incorporar no futuro aulas de violín ou de zanfona.

Vostede participou na gala formando parte do grupo tradicional Ruote e co coro Sisters in the house, dúas propostas musicais totalmente diferentes. Que lembranzas garda desas experiencias?

Teño unhas lembranzas preciosas, foi moi bonito o que ocorreu nas dúas ocasións, separadas por máis dunha década. Formar parte desa gala, que é unha festa da música, e sentir o calor do público nun espazo emblemático, como é o teatro Rosalía de Castro, foi moi fermoso. Cando participei con Ruote estaba embarazada, aínda que non se notase, e foi a derradeira vez que me puxen o traxe enriba dun escenario. Nesa edición tamén tocaba Milladoiro, que gañara o premio ao mellor álbum, e logo chamáronnos para colaborar con eles nalgúns concertos cando presentaban o disco cantado dedicado a Manuel María, así que para Ruote tocar na gala dos PREMIOS OPINIÓN serviu para abrirnos esa porta de estar en contacto cunha banda referente e tan importante dentro da música galega.

Compartir el artículo

stats