La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Zoelas Banda que pechará a gala dos premios

“O seguinte paso que queremos dar é acadar un son propio que nos identifique”

Naceron na asociación Fiadeira, en Antas de Ulla, e como querían experimentar ideas musicais alén do puramente tradicional decidiron montar a banda para plasmalas

Foto promocional da banda. | // ZOELAS

Cal foi o xermolo da banda?

Bruno Villamor: Todo nace na Asociación Fiadeira, en Antas de Ulla. As nosas cantantes son artistas creativas e querían facer cousas diferentes, con alicerces na tradición, mais explorando novas sonoridades. Dous dos músicos tamén traballaban na asociación e a min convidáronme a probar e quedei no proxecto.

Érica García: Tiñamos ideas musicais que non podían canalizarse a través de Fiadeira e queriamos probar cousas novas dende outra perspectiva diferente ao puramente tradicional. As cantareiras quedabamos e poñiamos ideas en común. Toda esa enerxía que despregamos acabou por se converter no proxecto de Zoelas.

No primeiro disco chamou a atención esa variedade de estilos que interpretaban.Consideran que é un dos sinais de identidade da formación?

B.V: Creo que si. É unha forma de viaxar con cancións e non fisicamente. Quizais sexa un concepto algo ousado, mais realizámolo de forma humilde e tentando facelo o mellor posible.

E.G: No debut discográfico exploramos moitas cousas que descoñeciamos e nos atraían. Coido que algunha das pezas xa non terían cabida na idea musical que estamos a desenvolver. Agora queremos acadar algo que resulta moi complicado, como é o de ter un son propio que identifique ao conxunto.

Esa aposta musical para unha banda composta por catro voces femininas e tres músicos fai que se diferencien dentro dun panorama musical galego no que existen varias propostas con voces de mulleres que miran á tradición...

B. V: En Zoelas reivindícase á muller e o mundo rural partindo da música tradicional.É moi bo ter de moda a varios grupos que contan con cantareiras e que soan cada un dun xeito diferente. Hai uns anos era impensable lograr esa repercusión e estou encantado de que a xente nova escoite pezas en galego. Todos somos, en certa forma, fillos das Leilía.

E. G: Creo que nese panorama musical galego podemos ter o noso oco facendo creacións propias co noso estilo, con letras que falan das cousas que nos interesan, como a lingua, a muller e o rural. Queremos cantar a situacións que nos proen.

Están a preparar o seu segundo álbum. Que se van atopar os oíntes nesa nova obra?

B.V.: É posible que sexa un disco menos variado nos estilos que interpretemos e que procure algo máis un estilo Zoelas que nos defina, aínda que a liña de orquestración vai ser semellante ao primeiro álbum.

E.G.: Quizais non experimentemos tanto como na nosa ópera prima. Faremos arranxos que se afastan do tradicional e seguiremos explorando musicalmente. Sabemos que temos moito traballo por diante para dar cun son propio porque é algo complicado de atopar.

Foron finalistas nos PREMIOS OPINIÓN coa peza Teste que levantar. Que significou esa candidatura para o grupo?

B.V: Foi un soño. Representa que a xente ten interese e dá valor ao que fas e iso nun grupo novo axuda para continuar co proxecto. Lembramos esa gala tan bonita no teatro Rosalía e chegas a pensar: “Nós que facemos aquí?”.

E.G: Non o esperabamos e serviunos de revulsivo para continuar con ganas e pensar que o proxecto paga a pena. Foi un chute de enerxía e estamos moi agradecidas.

Agora veñen actuar para pechar a gala. Que teñen preparado para o público?

B.V.: Faremos unha escolma do disco e tamén algo que non entrou no álbum, mais que adoitamos tocar nos directos. Pode ser que levemos un tema novo, pero aínda non é seguro. Para nós resulta ilusionante formar parte da gala.

E.G.: Queremos que sexa un pequeno concerto que defina sonoramente o que é a banda, que o público leve unha idea clara do que é Zoelas. Temos moitas ganas de tocar no Rosalía e encántamos compartir escenario cos músicos da categoría dos que forman o cartel. Ata o último momento non decidiremos se incluiremos esa peza novano repertorio para a gala.

Como viviron ese período de ausencia de concertos?. Que esperan para o futuro?

B.V: Todos vivimos dous anos raros, no que algún concerto foi saíndo. Coido que aínda está todo un pouco parado, que os concellos van co freo de man nas contratacións. A nosa ilusión para o futuro é preparar novos temas e poder tocar o máximo posible.

E.G.: Sucedeunos coma a outros artistas que sacaron disco nesta época de pandemia epor iso temos unha sensación de que non lle tiramos todo o partido ao álbum porque case non houbo recitais para presentalo en público. Estamos mergullados en pleno proceso de creación de cancións e queremos aproveitar o verán par montar temas e despois presentalos en concertos porque cando actúas é ese momento en que todo o que fas gaña sentido.

Gravaron un videoclip na Palma hai uns anos e logo sucedeu a desgraza do volcán. Por que decidiron marchar alí para realizar esa gravación?

B.V. : Unha das cantantes que xa non está no grupo (María Bouzas) vivira alí e iso permitiunos estar en casa de amigos dela. O do vídeo foi algo improvisado. A convivencia foi bonita e incluso chegamos a realizar un par de concertos. Tiñamos que facer un tema como Teste que levantar para eles.

E.G: Quedamos un pouco en shock con esa desgraza. Viamos fotos de cando estivemos por alí e comprobamos que había sitios que xa non existían, xa que estaban tapados pola lava, entre eles algún que case sacamos no vídeo e finalmente desbotamos. Estar naquela terra proporcionounos unha enerxía estupenda grazas a termos unha gran convivencia coa xente. O que sucedeu resulta complicado de asumir.

Compartir el artículo

stats