A nosa tradición musical estará ben presente enriba do escenario nesta noite de festa da música de raíz, cunha gala que terá lugar no teatro Rosalía ás oito e media do serán. Mais as visións que se van ofrecer sobre ela transitan por vieiros estéticos diferentes. Esas interpretacións comezarán no palco dende o puro que vai ofrecer a Asociación Cultural Donaire, que leva vinte e dous anos traballando a prol da difusión do folclore galego. Eles achegarán a esencia, acompañados de pandeiretas, gaitas, acordeón e percusións para lle dar realce as súas voces. O mundo tradicional reflectirase con toda a súa riqueza por parte de artistas que o gardan fondamente no seu corazón. Eles serán os encargados de abrir as actuacións da xornada.

O xurado decidiu na anterior edición que a ópera prima de Zumaque, daquela un trío e hoxe en día un cuarteto, recibise dous galardóns (tema orixinal e mellor artista para Pablo Pascual) e hoxe os espectadores van poder escoitar algún tema incluído nesa obra, mais o grupo tamén vai traer algunha peza nova para presentala ao público na cerimonia.

O tradicional paira sobre o seu xeito de abordar a música, mais dun xeito no que se integra harmoniosamente con outros estilos musicais que aparecen á hora de facer ou arranxar temas por mor da personalidade musical dos seus compoñentes. Para pechar o evento pisarán o escenario os membros de Zoelas. A banda de Antas de Ulla, formada por tres músicos e catro voces femininas, tamén ten unha ligazón clara coa tradición, xa que as cantareiras se coñeceron na agrupación Fiadeira, unhas máis desas espalladas polo país que fan un labor importante na difusión das nosas tradicións. A tradición vai con elas, mais decidiron indagar e investigar noutros estilos que lles interesaban para ofrecer un abano de posibilidades sonoras que formaron parte do seu debut discográfico. Para o segundo disco pretenden dar unha nova volta musical ao conxunto e soñan con poder atopar un son propio e identificativo. A tradición presente e a evolución da música, tamén. Cada vez existen máis mesturas na música de raíz que se escoita en todo o mundo e calquera opción elixida é aceptable sempre que se faga con gusto e axeitadamente.

Para asistir á gala, pódense solicitar invitacións de balde en LA OPINIÓN (Franxa, 40-42), entregando o cupón que sae publicado no xornal.