Falamos con Pablo Pascual e Bleuenn Le Friec, dous dos compoñentes do cuarteto Zumaque, que mañá participará na gala de entrega dos PREMIOS OPINIÓN.

Como xurdiu o nacemento do grupo Zumaque?

Pablo Pascual: Comezamos como dúo. A nosa arpista bretoa Bleuenn leva tempo vivindo en Galicia e cando unha asociación cultural galego-bretoa organizou unha festnoz chamáronme para facer algo con ela. Vimos que funcionaba ben e iso foi o xermolo do grupo.

Bleuenn Le Friec: Coñecía a Pablo da Escola Municipal de Música de Santiago e sabía do seu interese na música bretoa. Cando xurdiu ese concerto pensei que era unha boa ocasión para colaborarmos. A cousa correu ben e a partir de aí compuxo varios temas para o dúo.

Eran trío na saída do seu álbum de debut e agora decidiron incorporar un cuarto membro á formación. Por que deron ese paso e que modificacións achega ao conxunto?

P. P.: No disco xa metemos percusións e con Miguel Cabana xa tocara algunha vez. Adoeciamos no directo dun soporte rítmico, especialmente nos temas máis bailables, e por iso decidimos incorporalo.

B. F. : Creo que a evolución dende o dúo ata o cuarteto produciuse de xeito moi natural. A percusión permítenos ter máis liberdade co instrumento para cada un de nós, xa que Pablo compón algúns temas moi rítmicos. A min alivioume no tema das harmonías e puiden centrarme máis en expresarme coa arpa. Creo que a súa presenza serviu para apoiarnos todos no seu traballo e darlle máis corpo ao grupo.

A banda móvese na súa ópera prima entre adaptacións da tradición musical galega, algunha versión estranxeira e pezas propias de Pablo Pascual. Seguirán por ese vieiro?

P.P. : A liña musical parte basicamente da tradición musical galega. Bleuenn achega cousas do repertorio tradicional da arpa. Cónstanos que as historias que parten dos romanceiros teñen un punto en común, dá igual de onde veñan. Nas composicións gústanos traballar inspirándonos nun sitio, unha persoa, un acontecemento… Procuramos os ritmos dunha zona e miramos como podemos actualizar, por exemplo, o que unha señora cantaba hai moitos anos.

B. F. : Gústanos beber de todas as fontes, aínda que a tradición galega sempre estea moi presente dunha forma non pura por mor dos arranxos que realizamos. Creo que no resultado final se notan as influencias dos músicos. Eu veño da clásica, Pablo mergúllase no tradicional e Alfonso e Miguel proveñen do mundo do jazz. Coido que as nosas personalidades musicais reflíctense no que elaboramos.

Como albiscan o seu futuro musical após unha pandemia que levou aos grupos a estar moito tempo sen tocar en público?

P. P.: A pandemia colleunos coa produción do disco e por iso debeu adiar a súa saída. Creo que, en certo sentido, foi unha época frutífera e este ano xa estivemos traballando o novo repertorio. Cando xa houbo concertos saíron algúns bolos, así que non nos podemos queixar. Estamos nunha época dun cambio constante e debemos adaptarnos. Eu non teño claro que o seguinte traballo do grupo saia en formato físico. Cando rematamos un concerto e vendemos discos hai xente que nos comenta que non ten onde escoitalo. Por outra banda, lin que en Estados Unidos xa se venderon máis vinilos que cedés. As cousas mudan rápido e cómpre adaptármonos. Non só debemos estar atentos a traballar un acorde determinado e que iso nos faga esquecer outras cousas que tamén son necesarias para unha banda.

Que supuxo para o grupo acadar dous galardóns (mellor adaptación dunha peza tradicional e mellor artista) na pasada edición dos premios?

P.P. : Un motivo de ledicia. Para min xa é unha gusto poder tocar en directo os temas que ideamos e que che dean un recoñecemento deste tipo é unha satisfacción enorme e fai, se cabe, máis grande o pracer de poder estar neste proxecto musical.

B.F.: Foi un subidón. Aledeime moito, sobre todo, polo galardón de Pablo. É un músico cunha traxectoria destacada, pero semella que estea na sombra por mor da súa discreción. El é a alma de Zumaque, o que nos anima coa súa forza e ilusión. Non puidéramos presentar moito o disco en directo pola pandemia e os premios déronnos visibilidade.

Que van tocar na gala dos PREMIOS OPINIÓN?

P. P. : Tocar no teatro Rosalía, un templo da música para calquera artista, é un luxo. Imos facer algunha peza do disco premiado e levaremos tamén algún tema novo. O noso segundo álbum será máis conceptual, baseado en comunidades galegas que estiveron illadas social e culturalmente. Por poñer un exemplo, fun a unha aldea galega chamada Grobas, que está na serra, e pasei alí unha tarde falando coa xente para me inspirar coas emocións e sensacións que tiven co que me contaban de como era a súa vida alí.

B.F.: Como di Pablo faremos unha mestura de cousas antigas e actuais. Creo que seguen un pouco a liña musical do xa coñecido. Temos ao noso guitarrista Alfonso nun período fértil en canto á produción de pezas.

Imos con algo alén do estritamente musical. Bleuenn, vostede é bretoa e fala un galego moi correcto. Queremos parabenizala polo seu compromiso e gustaríanos que o público puidese escoitala expresándose na nosa lingua.

B. F. : Gústame moito falar, así que se me deixan non haberá problema! De pequena estudei bretón na escola e era bilingüe. Antes vivín en Euskadi e co éuscaro non fun quen de poñerme a estudalo, pero o galego é máis doado. Aprendelo foi un xeito de integrarme e sérveme para coñecer mellor á xente. Se non fose artista sería lingüista.