A librería Arenas presentou onte o libro Edificios coruñeses con historia, editado por ela mesma e escrito por Xosé Ramón García Vázquez, quen quixo con esta obra dar a coñecer os inmobles máis representativos da cidade.Como xurdiu a idea de escribir este libro?

Un día paseando pola Cidade Vella escoitei falar a dous homes, un dos cales dicía: “Iso é Capitanía”. “E que hai aí?”, preguntoulle o outro. “Soldados”, contestoulle. Pareceume que coa historia que ten ese edificio había que facer algo, xa que a xente ve pedra e nada máis, non para a pensar a historia que hai detrás.

Cantos edificios recolleu?

Van 34, aínda que podían ser máis. Hai moitos que se botarán de menos porque son emblemáticos, pero non teñen nada que contar, porque eu quería que tiveran unha historia detrás.

Pódese contar a historia dunha cidade a través dos seus edificios?

Seguro que si, porque todos os edificios históricos teñen unha razón de ser, como por exemplo o Castelo de Santo Antón, que foi construido porque había a necesidade de defender a cidade.

Cal é o edificio máis destacado para vostede dos que incluíu?

Non podería dicilo, aínda que poderiamos ir ao tópico da Torre de Hércules. Varios deles teñen historias moi antigas e bonitas, como a igrexas de Santo André e Santiago, a Colexiata… Todos teñen moita historia, polo que escoller un é difícil.

Hai algún que sexa case descoñecido para os coruñeses?

Quizais un dos máis descoñecidos sexa o Hospital Labaca, pero tamén o antiguo dispensario da rúa Sol, que é un edificio moi pequeniño pero que no seu tempo tivo moita relevancia. Tamén o Circo de Artesanos, que hoxe non ten a relevancia que tivo no pasado, no que foi o motor cultural da cidade.

Cal é a súa opinión sobre o estado de conservación destes edificios? É o que deberían ter?

A verdade é que si e é porque todos eles están en activo, nalgúns casos reconvertidos para outras funcións distintas, pero todos están de notable para riba.

Bota en falta algún de importancia histórica que xa desaparecera?

Habería que facer un apartado dos edificios que xa non existen, como o Hotel Atlantic, que era unha preciosidade e tiña tamén unha historia bonita, ou a Casa Gótica, ademais dos hoteis do Cantón, como o de Francia, ou o teatro Pardo Bazán.