La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Tal e como o faría Lino

A fundación Luís Seoane acolleu hoxe, ás 12.00 horas, a presentación do libro ‘Poemas guardados’, con versos creados por Lino Braxe nas súas viaxes a Cuba, Arxentina e Italia

8

Acto poético musical de presentación 'Poemas guardados' de Lino Braxe en la Fundación Luis Seoane Víctor Echave

O 18 de xuño era e segue a ser o aniversario de Lino Braxe, como el xa non está, a súa compañeira, Alexandrina F. Otero, que estaba inmersa no proceso de edición do libro Poemas guardados, publicado por Medulia, pensou que sería bonito presentalo o día no que cumpriría sesenta anos e facelo tal e como el o faría, con música, con voces amigas e con moita poesía. Así que, hoxe, a Fundación Luis Seoane convertereuse nun espazo para lembrar e tamén para entender mellor a este home dedicado á cultura —en todas as súas expresións— a través dos seus versos. O acto comezará ás 12.00 horas e a entrada é gratuíta até completar a capacidade da sala.

“Cando Lino presentaba un libro de poesía o que facía era chamar a actores e actrices para que lesen os poemas e cando se presentaba un libro de teatro, facía un espectáculo. Eu quixen seguir a estrutura de Lino na presentación deste primeiro poemario que se edita desde que faleceu”, comenta a súa compañeira, Alexandrina F. Otero. Conseguir que catorce persoas —entre elas as actrices Manuela Varela e Sabela Hermida e o músico Rómulo Sanjurjo— tomen a palabra, a frauta ou o acordeón podería resultar complicado se se tratase doutra persoa, pero non para celebrar a obra e a vida de Braxe. “Fixemos tamén outra cousa que el facía nas súas obras de teatro, que era mesturar profesionais con xente que non o era, así que, fixémolo como el o faría pero ao grande”, relata Alexandrina, que foi tamén a encargada de traducir ao castelán parte dos poemas que Lino escribira en galego.

Até o título do poemario está pensado nas propias palabras de Lino Braxe, que alá polo ano 2005 nunha entrevista dixo que tiña “poemas guardados” aínda por editar. A expresión recolle a variante dialectal que di guardado en galego, polo que, “aínda que non o pareza o título tamén é bilingüe”, destaca a súa compañeira. Todos estes versos naceron en viaxes que fixo Braxe entre os anos 2008 e 2011, e que o levaron a vivir en Cuba, Bos Aires e en Italia. Por primeira vez se poderán ler as súas poesías de El deshielo, que foi o primeiro libro que escribiu integramente en castelán, nos dous idiomas. Estes poemas si que os chegou a traducir el, para un libro que finalmente non se editou e ao que lle puxera por título A muller birmana. “Son poemas itinerantes, que foron escritos ou pensados fóra da súa terra natal. Partín desa base para despois traducir ao castelán os poemas que escribiu en Italia e en Arxentina, que estaban en galego”, explica Alexandrina.

“Eu creo que é un acto bonito e moi intenso, como lle gustaba a el, que nunha hora ou unha hora e dez pase todo. Ademais, cadaquén fixo a súa parte, na selección dos poemas eu non tiven nada que ver, na dirección das actrices que van ler, tampouco, nin sequera sei os temas que van tocar os músicos, así que imos unir todos os traballos no acto”, relata Alexandrina F. Otero, que ten a intención de ir publicando cada ano material inédito de Braxe, e, se se pode presentar en 18 de xuño, “moito mellor”.

Compartir el artículo

stats