Definición: s. m. Subxénero da ciencia ficción, aplicado a novelas, contos e películas que utilizan o cambio climático e o quecemento global para a creación de liñas argumentais. Provén das primeiras letras de clima e ficción. NOTA: esta verba non figura (aínda) no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Clima-ficción: expresión sinónima de cli-fi. Distopía: mundo imaxinario que se considera como fortemente negativo. Climatoloxía: ciencia que estuda os diferentes climas da Terra e as súas manifestacións. Estas acepcións, ou as palabras que constitúen as expresións, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no eido do naturalismo? A expresión cli-fi foi acuñada en 2009 polo reporteiro e activista estadounidense Dan Bloom (n. 1949), como “unha chamada para espertar” e como unha “ferramenta” para escritores, reporteiros e críticos. Realmente, hai novelas cli-fi desde hai máis dun século: por exemplo, O segredo de Maston (orixinal Sans dessus dessous), publicada en 1889 polo escritor Jules Verne (1828–1905), trataba do cambio climático na Terra pola variación na inclinación do seu eixo. A novela de 1933 O home que espertou (The Man Who Awoke) do canadense Laurence Manning (1899–1972) ía un paso máis alá e describía a perversión do clima terrestre causada polo uso excesivo de combustibles fósiles e a deforestación. A transición da novela cli-fi ao cinema veu da man de Dune, escrita en 1965 por Frank Herbert (1920–1986). Tras converterse nunha das novelas de ciencia ficción máis vendidas da historia, propiciou un filme de grande éxito co mesmo nome (dirixido por David Lynch en 1984), cunha potente mensaxe conservacionista relacionada co clima.

Por que está en auxe esta palabra? A pesar das numerosas novelas cli-fi publicadas no último terzo do século XX, é co comezo do XXI cando ve a luz unha triloxía distópica con particular impacto social, da man da premiada escritora canadense Margaret Atwood (n. 1939): Oryx e Crake (2003), O ano do diluvio (2009) e MaddAddam (2013), cun trasfondo de catástrofe climática, contaminación, inxustiza social, inseguridade e tecnoloxía ao servizo de determinadas empresas. Da mesma época é a novela Polar City Red de Jim Laughter (n. 1953), cun escenario distópico en 2075 nunha América case inhabitable por causas climáticas, así como filmes cli-fi de notable éxito: O día de mañá, de 2004, dirixida por Roland Emmerich, quen cinco anos despois firmaría 2012; e Interstellar (2014), de Christopher Nolan. A pesar dalgunhas inexactitudes científicas, entre os grupos conservacionistas existe, en xeral, grande sintonía con estes filmes, unha vez que permiten sensibilizar ao público sobre a importancia de atallar as causas que están a provocar o quecemento global.