O anuncio, en 2020, de que a rede de Escolas Infantís Municipais, ía ter unha atención educativa gratuíta xerou unha importante resposta positiva nos centos de familias que residimos na Coruña, dando resposta tamén a unha necesidade obvia, chegar a unha conciliación real nun contexto socio-laboral que pouco pensa na crianza. Pero a realidade dista da publicidade.

A Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) da Caracola vimos de facer público o noso malestar pola intención do Concello de manter só unha gratuidade parcial de seis horas, que non se axusta coas necesidades de conciliación familiar e tampouco co criterio dunha educación pública que pagamos todas e todos cos nosos impostos. Así, en lugar das oito horas financiadas nas escolas dependentes da Xunta, do Consorcio, de iniciativa social e tamén nas de carácter privado, a rede municipal mantén un apoio parcial, tendo as familias que cubrir a diferencia e estando en desigualdade por escoller un centro local. Logo dun encontro coa área de Educación de María Pita e o seu titular, as conclusións son claras: Non existe interese en modificar as normas necesarias para garantir unha gratuidade no período 0-3 anos, unha etapa importantísima para o desenvolvemento psicolóxico e motor da infancia, e a pelota vai pasando de tellado entre administracións. Tampouco semella haber moita gana de mellorar as licitacións actuais, que asumen a mesma fórmula horaria.

As nais e pais reivindicamos o sistema público, o esforzo das educadoras e de todo o persoal destes centros. Manifestamos o noso profundo malestar polo agravio que supón dispoñer de menos horas que o resto de familias que elixirían outra opción para os seus fillos e fillas no próximo curso, incluso as de titularidade privada.

Así, a escusa dunha débeda do Concello da Coruña coa administración autonómica non pode eximir ás institucións da súa responsabilidade: Se decidiron no seu momento crear unha rede de escolas infantís, o lóxico, coherente e necesario é dotalas orzamentariamente dunha maneira axeitada e, por suposto, resolver no plano administrativo todas as problemáticas relacionadas co uso dos fondos públicos, pero as familias non podemos ser reféns. Seguindo con esta cuestión da débeda, isto non deixa de ser, nunca mellor dito, un obstáculo subsanable coa boa vontade das administracións implicadas, neste caso Xunta e Concello. É habitual que as administracións públicas de diferente cor política manteñan rifirrafes ao respecto das políticas a executar e dos proxectos a financiar nunha cidade como a da Coruña, pero non xustifica, en ningún caso, que non se aposte por actuar de xeito dilixente: As Escolas Infantís Municipais ían ser gratuítas e a día de hoxe non o son.

As familias agrupadas na ANPA da Caracola entendemos que hai posibilidades suficientes e marxe como para traballar nunha gratuidade real das escolas infantís, tal e como se anunciou, comezando pola emenda do regulamento de funcionamento, que contén só as seis horas, e continuando con medidas de modificación orzamentaria que posibiliten á Concellaría de Educación dispor dos fondos suficientes para financiar a totalidade da atención educativa en igualdade de condicións con outros centros, sexan tamén públicos ou de iniciativa privada.