La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xornalista e escritor, publica ‘Cando os lobos escoitaban a radio’

Pemón Bouzas, da televisión os libros: “Hai quen di que no franquismo se vivía ben. Pero se non podías abrir a boca!”

“As autoridades estatais, aínda que sexan de esquerdas, seguen sen dar un paso para recoñecer aos guerrilleiros. É unha democracia sen rematar de construír, porque hai medo”

O escritor e xornalista Pemón Bouzas, onte na Coruña. | // CARLOS PARDELLAS

O escritor e xornalista Pemón Bouzas, rostro familiar da TVG, publica a súa última novela, Cando os lobos escoitaban a radio, na que rescata a memoria da resistencia antifranquista dos bandoleiros de Lugo, Ourense, o Bierzo e La Cabrera durante os anos de posguerra.

Que tal lle vai nesta nova etapa da súa vida, lonxe das pantallas?

Desde que deixei de facer o programa de Cultura hai oito ou nove anos non quería facer nada máis en pantalla. Tiven a sorte de non ter que facelo, e iso permitiume poder estar mais relaxado e dedicándome á miña paixón, que é escribir. Escribo por pracer, e escollo os temas que me apetecen. Se se consigue publicar, ben, nuns tempos nos que as publicacións son maioritariamente para aquilo que é eficaz, pan para hoxe e fame para mañá, é dicir: collemos a unha persoa que ten moito éxito en redes sociais e lle publicamos un libro, e esa persoa ao mellor vai encantada e despois queda abandonada. Penso que cada vez se interesan menos pola literatura, o cal está tendo unha reacción boa, porque están aparecendo pequenas editoriais como as que había antes.

Leva toda a súa carreira como xornalista contando a verdade. Custa desprenderse das esixencias da profesión e pasarse á ficción da narrativa?

Neste caso, case podería dicir que é unha crónica xornalística á que lle metín grandes brochazos de ficción. Case non sabería dicirche como se escribe unha novela de ficción-ficción. Todo o que escribín ten unha conexión coa realidade. Por exemplo, na miña anterior novela, A voz do vento. Por que escollín eses feitos históricos? Porque estabamos vivindo unha crise económica que empezara no 2007-2008, e pensei que tiñamos un exemplo histórico e que podía contar o que estaba acontecendo hoxe co que sucedeu naquel momento en Cangas. Hoxe a Inquisición son outros poderes, pero tamén intentabase aproveitar a crise para engrandecer a riqueza dos inquisidores, ou dos grandes lobbies, a costa das persoas, ou neste caso, a costa da desaparición da clase media.

E neste caso, en Cando os lobos escoitaban a radio, traslada a acción á resistencia dos bandoleiros na posguerra franquista. Que lle leva a escoller estes feitos históricos?

Era algo que estaba aí latente, penso. Eu lera a marabillosa historia de Hugh Thomas sobre a Guerra Civil Española, nunha edición enorme e moi ben ilustrada, e coñecía os antecedentes, a I República, a ditadura de Primo de Rivera, a II República, como se produce o Golpe de Estado, etc, e incluso os primeiros anos. Continúa ata case a Segunda Guerra Mundial, porque aínda quedaba esa pequena esperanza de que se eliminase o fascismo en Europa, pero quedamos España e Portugal aínda con ditadores. Houbo como unha especie de nube, de inexistencia dese período. A sociedade española estivo de brazos caídos durante todo ese tempo, ou realmente a pesar do medo e dos pistoleiros que mataron tanto, durante a posguerra e máis tarde, houbo unha resistencia? Foi como aconteceu coas bruxas en Cangas. Mato esta xente porque me fixo dano, porque fixo dano a nonseiquen ou porque aquela moza me dixo que non e se foi con outro, e todas esas vinganzas persoais apoiadas no fanatismo ideolóxico. Ter a oportunidade de entrevistar durante horas ao guerrilleiro Quico, que ten 97 anos, sigue vivo e aínda presentou antonte as súas memorias, foi o que me dou os folgos para seguir adiante.

Hai unha vontade de recuperar a memoria histórica da resistencia da ditadura que existiu en Galicia?

Si, en Galicia e nesas dúas comarcas leonesas, O Bierzo e La Cabrera. É como se foran unha unidade xeográfica. A primeira federación de guerrilleiros foi a de Galicia-Leon e Asturias ao principio, que persistiu durante moitísimos anos. Quico ou Girón coñecían a Foucellas, a Gayoso, a Seoane, a Piloto, que era un verso libre. Coñecían aos guerrilleiros galegos, porque facían estratexias conxuntas.

E porén, quedou para a historia ese mantra de que en Galicia non houbo resistencia no franquismo.

Claro. Non só en Galicia. No Bierzo esa memoria persistiu moitísimo máis que en Galicia. Na montaña de Lugo e na zona do Bolo en Ourense, e na Raia con Portugal, aínda se matiña esa memoria. A sociedade sigue descoñecendo estes feitos. Non porque saia un libro meu, pero é que historicamente non se insistiu nin interesa. As autoridades estatais, aínda que haxa goberno de esquerdas, seguen sen dar un paso do recoñecemento dos dereitos dos guerrilleiros. Non pasamos páxina, é unha democracia sen rematar de construír, porque aínda hai medo ao franquismo.

Hai quen di que non se poden reabrir as feridas do pasado, e hai quen di que non están curadas.

Exacto. En Italia hai xente que non quere oír falar mal de Mussolini, pero que son demócratas, e non falan con odio e con resentimento. Aquí non, porque esa páxina non está pasada. Séguese ocultando. No momento no que a sociedade saiba máis, madura. Non é saber cun afán revanchista, senón con afán de coñecemento. É saúde democrática.

Toma como referencia a película Foise co vento, gran fito do cine mundial que chegou a España 11 anos despois da súa estrea. É unha metáfora do atraso da ditadura?

Esa é a clave. De que estamos falando? Hai xente que di que vivía en paz no franquismo, que vivía ben. Pero se estabamos coa cartilla de racionamento! Pero se non podías abrir a boca, que te daban de hostias ou te daban un paseo!. De que estamos falando? Que normalidade é esa, cando o gran éxito do cine mundial chega 11 anos despois da súa estrea? Serviume moi ben de principio e fin desta historia, porque escollín a parte crepuscular do asunto, o momento no que a balanza se inclina para un lado ou para outro. A estrea en Barcelona foi en novembro de 1950, e o libro remata cando se estrea en Ponferrada, en 1951. Ese é o período no que conto o que acontece, pero evocando momentos de loita guerrilleira pasada.

Compartir el artículo

stats