Máis da metade do traballo que se realiza no mundo non se mide en cartos, non conta para o PIB e non interesa aos gurús dos mercados. Pero é imprescindible para a vida. Falo do traballo doméstico, no que histórica e maioritariamente realizaron as mulleres de portas para dentro, do coidado do fogar e das persoas, especialmente daquelas con dependencia. Sen os coidados, a nosa sociedade non sería posible.

Desde a Marea Atlántica somos moi conscientes desa realidade, e por iso introducimos unha iniciativa pioneira cando negociamos os Orzamentos 2022: a creación de axudas para que as persoas coidadoras poidan tomarse un respiro. Unha iniciativa que foi aprobada na Xunta de Goberno desta mesma semana.

Reservamos 250.000 euros para que as persoas que coidan de grandes dependentes (recoñecidos con grao III) poidan solicitar axudas de ata 500 euros para contratar alguén que as substitúa mentres descansan. E para financiar actividades como fisioterapia, deporte, asistencia psicolóxica ou alternativas de ocio. Estas axudas poden solicitarse ata o 16 de setembro, e son unha demostración de que “coidar a quen coida” debe ser máis ca un eslogan. Cada vez vivimos máis, e con cada crise, cada vez é máis difícil ter un emprego de calidade e, sobre todo, uns horarios compatibles coa conciliación e os coidados. Uns coidados que, precisamente, son cada vez máis necesarios. Por iso as persoas coidadoras pagan unha enorme peaxe física e mental, ata o punto de que son consideradas un colectivo vulnerable, polo desgaste físico e mental que supón atender a alguén cunha gran dependencia. Viven illamento social, e mesmo perda de poder adquisitivo, por ter que asumir os gastos dos coidados e, en moitas ocasións, deixar o traballo ou reducir xornada.

Os coidados teñen que deixar de ser invisibles, teñen que deixar de ser un problema do que as administracións públicas se desentenden. Na Coruña comezamos cunha medida que non debe ser a última e da que outras institucións deberían tomar nota. Deámoslle un respiro a quen coida.