La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Cantante, actúa este venres ás 20.00 horas no teatro Colón

Anxo Araújo: “A canción perfecta non existe, e se a hai, de seguro que é de David Bowie”

“A felicidade e a tranquilidade están nun mesmo e non dependen de nada máis”

O músico galego Anxo Araújo. | // LOC LOC

O festival Xullopop comeza este venres os seus tres días de música no teatro Colón.

Serán tres concertos de entrada gratuita ao longo desta fin de semana. Anxo Araújo abre a festa coa súa actuación deste venres ás 20.00 horas. O artista galego presenta o seu sonido feliz e optimista como método para superar momentos complicados na súa propia experiencia vital. Canta unha Canción perfecta pese a recoñecer que é imposible compoñer unha peza sen ningún erro. A actuación en A Coruña permitiralle dar a coñecer o seu disco: Plan de urbanismo para un novo couto mixto.

Por que destaca o positivismo na súa proposta musical?

As cancións deste último disco, compúxenas nun momento persoal un pouco complicado. Cando comecei a escribilas, propúxenme contar as miñas penurias, que era o que tocaba, pero facelo dun xeito positivo. Busquei sempre o tarareo e o sorriso no espectador. Neste concerto no teatro Colón temos preparado un espectáculo ben chulo. Xogaremos coas intensidades e as sensacións. Seremos cinco músicos no escenario. Ao seren o concerto nun lugar especial, vai ser máis íntimo e próximo coa xente. Aínda así, vai ser moi animado.

Facer este tipo de música resultou balsámica para vostede?

Foi coma unha catarse, como se fose parte case coma dunha terapia, non o sei. Era algo que necesitaba facer e, ao mesmo tempo, resultou ser un reto. Empecei a facelo cando comezou a pandemia, nun momento no que xa non había excusas ás que agarrarse para evadilo. Non tiña unha idea moi clara de se o ía sacar ou non, só quería comezar a traballalo en non parar polos medos. Quería que resultase alegre e positivo, aínda que non é un disco de bailar. Penso que conseguín facer un proxecto personal fuxindo das penas e a tristeza.

O público agradece este tipo de sons despois de todo o que pasou nestes últimos dous anos?

Eu penso que si. Dos concertos que levamos, gustame ver precisamente ese sorriso nas súas facianas. Sentimos tamén cómo se moven e se tambalean coas melodías que imos introducindo, sobre todo coa trompeta e os teclados. É o que buscaba con isto e eu penso que o conseguimos.

No disco destaca Canción perfecta. Onde naceu o interese por compoñer un tema con este título?

A canción perfecta non existe, e se a hai, de seguro que é de David Bowie. É ese momento no que un está a buscar un lugar de comfort, no que sentirse cómodo. A canción fala diso. Cancións como tales, perfecta só vai ser a que un está a compoñer. Pero despois pasan dous meses e un dase conta de que non era tan perfecta. Realmente, fala desa busca dun novo espazo de vida no que sentirse tranquilo e borrar os malos momentos do pasado.

Outra das cancións e Feng Shui. Foi este o tema que o lle inspirou esa calma da que fala?

Básase no que falamos. Non sei se é ese punto de madurez ou de experiencia vital, pero trátase dese momento no que atopas a paz interior e a tranquilidade. Non son precisas grandes cousas para ser feliz como un pensa. Ou como nos fan pensar. A felicidade e a tranquilidade están nun mesmo e non dependen de nada máis. O importante reside nas cousas sinxelas e pequenas, como pode ser escoitar música.

Compartir el artículo

stats