A Coruña conta cunha excelente rede de bibliotecas que contribúe a favorecer o acceso á cultura nos barrios. De feito, algunhas desenvolven un auténtico labor de centro de dinamización sociocultural. Nada diso sería posíbel sen o impagábel labor das persoas bibliotecarias.

Por iso causa abraio e indignación que estas persoas teñan que declarar folga para reclamaren algo elemental: que lles paguen os seus salarios.

A existencia dunha dupla rede, con bibliotecas xestionadas directamente polo Concello e outras coa xestión concesionada, é unha das causas do problema. Por iso, no acordo de investidura subscrito entre o PSOE e o BNG, figuraba o compromiso de darlle a mellor solución legal e laboral posíbel, no primeiro ano de mandato, á situación do persoal das bibliotecas, co obxectivo de unificar a rede a través da xestión directa.

Porén, o Goberno municipal non deu nengún paso para facer efectivo ese acordo e, en novembro de 2021, adxudicou o novo contrato de xestión indirecta de seis bibliotecas municipais.

O surprendente é que, só oito meses despois da adxudicación, a concesionaria alegue razóns económicas para non lle pagar os seus salarios ás 75 persoas que integran o seu cadro de persoal, argumentando que a contía do contrato é insuficiente.

A empresa presentouse voluntariamente ao concurso, coñecendo de antemán as condicións económicas. Non é de recibo que incumpra coas súas obrigas máis básicas.

E é responsabilidade do Goberno local asegurar a correcta prestación dos servizos municipais concesionados e velar por que non se conculquen os dereitos das súas traballadoras. Porque chove sobre mollado: o persoal de seguridade das salas de exposicións estivo meses sen cobrar.

A actual crise de prezos e a escalada inflacionista pode provocar serios problemas en moitas contratas municipais. O Goberno de Inés Rey faría ben en ter un plan para facer fronte á situación, moito máis ante prácticas chantaxistas de empresas que utilizan os traballadores de reféns no seu tirapuxa co Concello.

O Goberno municipal ten que cumprir co acordado, procurando unha solución definitiva á situación do persoal das bibliotecas.

É hora xa de pasar das palabras aos feitos. Porque é de xustiza.