Cruceiros. Na publicidade, glamur, vacacións de luxo, solpores románticos… Pero, e na realidade? Un sector en rápida expansión que comeza a amosar os problemas propios das actividades que se masifican.

Noutros lugares, hai tempo que acenderon as alertas. En Barcelona, as emisións de xofre e partículas contaminantes dos cruceiros multiplican por cinco as dos coches. En Palma de Mallorca non permiten atracar máis de tres cruceiros ao día, e só un de máis de 5.000 pasaxeiros (na Coruña teñen atracado seis á vez). En Venecia, a entrada de cruceiros ata o casco histórico causou un grave deterioro do patrimonio e na convivencia. En Cádiz e Rostock apostan por conectar os buques á electricidade para que non contaminen mentres están atracados…

As cidades máis afectadas polo impacto dos cruceiros están a loitar para poñerlles límites e afastalos do centro. Na Coruña, onde o problema non é aínda tan grave e poderiamos anticiparnos, imos en sentido contrario. Porto e Concello felicítanse polo “crecemento do sector” e cada ano prometen bater marcas. En 2022 está prevista a chegada de 170 destas cidades flotantes con 250.000 persoas a bordo, o dobre que hai dez anos. E anuncian máis.

Ao fío da transformación do porto interior, quedará libre unha enorme e apetitosa fronte de atraque para cruceiros turísticos. Establecemos no centro unha Zona de Baixas Emisións para os coches mentres aplaudimos que os cruceiros queimen combustible da peor calidade en San Diego e O Parrote, a carón de vivendas?

Non custa imaxinar a resposta automática de Concello e Porto: “Compensa polo retorno económico”. De verdade? O turismo dos cruceiros pasa unhas horas na Coruña e chega cos gastos de comida, aloxamento e lecer xa pagados. Canto invisten na cidade? Nunha enquisa realizada polo goberno da Marea Atlántica en 2017 a pé de barco, o gasto total por persoa ía entre os 13 e os 41 euros, segundo o país de orixe.

A virtude, coma case sempre, está no equilibrio. No canto de competir por cada vez máis escalas de barcos cada vez máis grandes, deberiamos centrar os esforzos en que a súa visita xere maior retorno e menor impacto ambiental. Pensemos, realmente, canto custa un cruceiro.