A Deputación da Coruña reforza a convocatoria do Premio Torrente Ballester de Narrativa cunha nova edición do ciclo Un Torrente de Conversas (que iniciou o ano pasado cos escritores Manolo Rivas e Ignacio Martínez de Pisón, que gañaron no seu día este galardón). Este ciclo contará coa presencia de Marcos Giralt Torrente, neto de Torrente Ballester, que por primeira vez na historia do premio que se convoca dende 1989, formará parte do xurado.

Giralt Torrente visitará A Coruña en novembro para o fallo do premio e para manter un encontro co seu público lector, xa que tamén é escritor. Será un dos tres escritores deste novo ciclo Un Torrente de Conversas, xunto co escritor e presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; e a escritora Bibiana Candia.

A Deputación festexa ademais os trinta anos do primeiro Torrente en galego, que gañou precisamente Freixanes coa novela A cidade dos Césares, que se reedita este mes da man da Editorial Galaxia. Freixanes estará o día 28 deste mes ás 19.30 horas na librería Lume, presentado por Bibiana Candia, autora de Azucre e membro do xurado da nova edición do premio Torrente Ballester que se fallará no mes de novembro.