La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

“A integración dos inmigrantes implica que poidan manter a súa lingua e cultura”

“As persoas de pel negra son máis pesimistas en canto a que se lles permita integrarse”

A doutora e investigadora Verónica Verdía. | // LA OPINIÓN

A licenciada en Socioloxía Verónica Verdía vén de doutorarse en Ciencias Sociais e do Comportamento na Universidade da Coruña (UDC). A tese versa sobre o proceso de integración das comunidades de inmigrantes en Galicia e as estratexias que empregan para manter a súa lingua e cultura orixinais.

Que entende por integración?

Implica a equiparación de dereitos entre as persoas de orixe migrante e as autóctonas, o acceso igualitario a bens e servizos e participación na sociedade. Pero tamén o mantemento lingüístico e cultura das comunidades e unha valoración social positiva da diversidade cultural, con relacións interculturais que permitan co-construir unha sociedade que integre a diversidade.

Fixo entrevistas e investigacións en 24 municipios galegos, e entrevistou a 91 persoas, entre elas de asociacións de inmigrantes. Como ven eles a integración?

Teñen discursos marcadamente antiasimilacionistas. Indican que para que haxa unha verdadeira integración é imprescindible que poidan manter as súas linguas e culturas, establecer relacións interculturais baseadas no respecto.

Sinala que hai máis escepticismo entre as persoas de pel negra.

Son máis pesimistas. Falando cunha asociación de persoas de Cabo Verde, dicíannos “isto do racismo non se acaba na vida”. Outro senegalés sinalaba que é utópico chegar a conseguir a integración ideal.

Na tese apunta a que manter a propia lingua e cultura tiña moita importancia, en especial, para as comunidades africana e polaca.

Todo o mundo outorga importancia ao mantemento lingüístico e cultural, pero se cadra máis canto máis distante sexa a súa cultura da cultura receptora. O argumento é, máis que nada, garantir o vinculo coas familias en orixe. Dan tamén un valor económico ao idioma.

Sinala que os romaneses de etnia xitana son un caso especial.

Non chegamos a ter un contacto directo, pero si máis indirecto a través dunha ONG que traballaba con eles. É unha comunidade que está perdendo a súa lingua propia, tanto a do colectivo romanés de etnia xitana como a lingua oficial de Romanía. Ao tempo, tampouco se adaptan á cultura maioritaria no Estado español. Cal podería ser a explicación? O que denomina a literatura académica “marxinación”. Hai colectivos que están sufrindo unha discriminación de forma sistemática, e acaban renegando da súa propia cultura para afastarse desa idea prexuizosa. Pero tampouco se están adaptando á cultura da maioría.

Que estratexias empregan as comunidades de inmigrantes para manter a súa cultura?

Unha das principais é o ensino de linguas aos membros da comunidade. O colectivo polaco ten unha escola de fin de semana para nenos. As asociacións islámicas tamén despregan con moita intensidade este tipo de prácticas, e reivindican que se fortaleza o programa de lingua árabe e cultura marroquí que xa existe nas escolas, o ven fundamental.

Pero tamén sinala que hai poucos centros educativos que teñan accións para fomentar a reflexión sobre a convivencia.

Atopamos nos profesores discursos máis lights que os do asociacionismo ou as ONG. Amosáronse tolerantes, entenden que a diversidade é positiva, pero na práctica están demasiado condicionados ás dinámicas da escola, de aprender e obter resultados académicos, e estes aspectos de traballar a diversidade, o respecto, déixanse un pouco de lado. E as comunidades inmigrantes entenden que é importante traballalos.

Fala de que se precisa persoal especializado nas administracións para traballar con migración.

Cando hai un colectivo que ten necesidades específicas, deben de establecerse mecanismos e servizos de atención especializada. Sobre todo desde o ámbito local, pois é a administración quen pode dar respostas máis rápidas e eficaces. Xurdiron bastantes plans de integración en municipios galegos na época das vacas gordas, pero a crise levou isto por diante. As accións que intenten combater a xenofobia ou conciencien sobre o dereito á diferenza son fundamentais. Hai moitas barreiras que romper para a integración.

E como fomentan as asociacións de inmigrantes as relacións interculturais?

Principalmente, desenvolven accións relacionadas coas súas gastronomías e folclore, co obxectivo de visibilizar e positivizar a diversidade. As asociacións islámicas están especialmente interesadas neste tipo de accións, xa que senten a necesidade de abordar proactivamente os prexuízos que se lles asignan e “lavar a súa imaxe”.

Compartir el artículo

stats