La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Festival Noroeste Estrella Galicia
Sabela Maneiro Cantante das Tanxugueiras, este venres na praia de Riazor no Festival Noroeste

“A lingua está para comunicarnos, pero a música sempre será un idioma universal”

“Que un día non enchas ou que non teñas tanta xente como no concerto anterior non é unha derrota, simplemente son días nos que a xente está máis ou menos animada”

Sabela Maneiro, na súa actuación na Pelícano. Arcay/Roller Agencia

A praia de Riazor prepárase para recibir esta noite ás 22.00 horas ás Tanxugueiras como as artistas máis destacadas do cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia. O trío de cantantes galegas está a vivir unha completa explosión de escoitas dos seus temas e entre a audiencia despois da súa participación no Benidorm Fest. Ademáis, no último mes lanzaron o seu novo álbum, Diluvio. Sabela Maneiro é unha das súas integrantes e ten vivido o crecemento exponencial da súa audiencia en cada actuación na Coruña no último ano.

Veñen de vivir un concerto multitudinario en Vigo.

Non o podo describir con palabras. Foi incríble ver a tantos milleiros de persoas cantando as nosas cancións no auditorio do parque de Castrelos.

Esperabades tanto apoio do público nese concerto?

Si que contabamos con que a xente estaráia alí, connosco. Pero en ningún caso a cantidade de xente que houbo durante o concerto e a que estaba alí esperando e gardando o sitio baixo o sol desde primeira hora da tarde. Ningún artista o espera, nin eso nin o cariño que tanto recibimos e que se fixo notar, e moito, durante toda a noite.

Esta é a súa cuarta visita á cidade no último ano. Notan ese crecemento dos seus espectadores?

A verdade é que si. Cada vez temos un público maior. É apoteósico ver que a xente goza co que facemos, compran os nosos discos e pagan unha entrada para vernos en directo. Esto para unha artista signifícao todo.

Confían en encher Riazor do mesmo xeito que Castrelos?

Sempre que fas un concerto esperas que vaia xente. Unha tamén pensa niso. Que un día non enchas ou que non teñas tanta xente como o día anterior, tampouco é unha derrota, simplemente son días nos que a xente está máis o menos animada. Evidentemente, queremos encher en todos os concertos e nós sabemos que os nosos sempre están aí para apoiarnos.

Precisamente sacaron Diluvio recentemente. Como está a funcionar nestas primeiras semanas no mercado?

Está a ser moi boa a acollida do novo álbum. A xente está comprando os nosos discos e nas redes socias tamén está a gustar. Temos unha moi boa resposta do público, que está sempre aí apoiando e dándonos ese cariño tan grande.

Xa se atreven a cantar os temas novos tamén nos concertos?

Cántanos todos, de arriba a abaixo, ata os últimos que saíron. Demostrárono en Castrelos, que non houbo ningunha canción que non a cantase o público.

Ata agora, xa vos ten levado de xira con éxito fóra de Galicia .

En todos os concertos fóra, levámonos unha sorpresa enorme pola xente, que nos trata con moito respecto e que tamén cantan en galego. Supoño que a través das plataformas, a xente sentiuse identificada coa nosa música máis aló da lingua na que cantamos.

Compartir el artículo

stats