Fai dez anos que Trini Falcés apareceu nas nosas vidas, foi na manifestación do Orgullo da nosa cidade, A Coruña. Apareceu co seu sorriso, co seu poder e unha bandeira do arco da vella, deixándonos xa abraiados desde o primeiro día.

Coruñesa, sevillana, oscense, zaragozana e barcelonesa, decidiu volver pasar a súa etapa final na terra onde naceu. “Aquí sei que vou morrer, pero onde mellor?”, dicía. Agora estas en todos os nosos corazóns.

Desde o primeiro momento cautivounos coa súa vitalidade, rebeldía, xenerosidade, simpatía, historia e dignidade. Porque aparte de todas as súas vivencias, o máis importante que me (nós) ensinou é que a dignidade é o máis importante para as persoas. Canta razón ten!

Trini foi creando un círculo de amizades na nosa terra, xente que a quería, que a escoitaba, que falaba con ela e a obedeciamos, porque menudo carácter tiña. Nunca nos pediu nada, a pesar de vivir dunha pequena pensión. E custáballe moito aceptar un agasallo, prefería facelos; é máis, sempre que a visitabas, volvías a casa con roupa, bolsos, aneis, pulseiras... Estivo toda a vida acostumada a sobrevivir, a buscarse ela soa a vida. Sen romperse nin caer nas diferentes trampas que existen na vida. Era todo coraxe e forza.

A poucos foinos contando a súa vida, os seus problemas coa policía do réxime: foi na primeira detención onde lle puxeron o nome de Trini. A súa participación na primeira manifestación do movemento de liberación sexual na Barcelona de 1977, o seu paso polos campos de concentración, as visitas obrigadas ao psiquiatra, o seu traballo no Hotel Oriente, a súa vida como artista... Tamén era coñecida como La Mami, pola canción Mamy Blue que soaba nuns dos seus números.

“Que me quiten o bailao, eu paso de todo”, era a súa frase de cabeceira, que sempre che dicía cun sorriso, porque ela era así, enerxía e humor. Porque ela era unha muller que loitou toda a súa vida por ser ela mesma, con forza e enerxía, unha sobrevivinte que sabía o que facer para estar sempre a flote.

Nos últimos anos sentiuse recoñecida pola lei de memoria histórica do goberno de Zapatero, o premio Marcela e Elisa entregado na Coruña pola súa loita. O libro Memoria Diversa de Eva Mejuto, a sua participación no congreso de memoria histórica LGTBI+ da Deputación de A Coruña e o grato acollemento que tivo a sua presencia no Orgullo Rural de Ribadumia.

En menos dun mes deixáchesnos, demasiado rápido. Deixaches un oco moi grande en nós, porque ti, Trini, enchías o noso universo coa túa voz e as túas mans. Ti loitaches polos nosos dereitos nunha época en que facelo poñía en perigo a túa vida. Grazas a persoas coma ti o mundo hoxe é mellor para nós.

Sempre estarás na nosa memoria. Grazas Trini.