La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

O folclore galego triunfa en Francia

Xacarandaina e Donaire participaron en dous festivais de prestixio no país veciño

Integrantes da asociación cultural Donaire durante unha actuación en Lorient. Pierre Sallier

A cultura e o folclore de Galicia tomaron nos últimos días dúas cidades francesas. A Asociación Cultural Donaire e o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina estiveron presentes en dous dos eventos desta índole más importantes de Francia: O Festival Intercéltico de Lorient e o Festival Internacional Les Cultures du Monde de Montoire-sur-le-Loire.

Membros de Xacarandaina que viaxaron ao festival ‘Cultures du Monde’. | // LOC

Donaire levou a Lorient o seu arte foclórico desde A Coruña cunha expedición de 41 integrantes. O Festival Intercelta de Lorient foi o seu destino. A ocasión reuniu formacións culturais de todas as zonas relacionadas co mundo celta nunhas xornadas nas que demostraron as súas particularidades e compartiron o seu folclore. Este evento está considerado como o máis prestixioso do país veciño con esta temática e celebrou nesta ocasión a súa 51ª edición. “Xa estivemos en 2007 e en 2014”, conta Antonio Prado, mestre de danza da asociación cultural Donaire.

A súa intención era regresar no 2020, pero a pandemia impediulles participar no aniversario do medio século do festival. Coa súa presenza este ano, representaron a unha cultura galega que chama a atención entre o multitudinario público francés. “Segundo os datos que nos deu a organización, houbo 900.000 espectadores, que foi o récord do festival”, explica Antonio Prado. Os membros da asociación destacan a variedade de escenarios e o grande aforo que conseguen atraer. Un deses entornos foi o estadio do equipo de fútbol da cidade, que xoga na primera división de Francia.

“A música galega tradicional desperta paixóns pola súa peculiaridade”, asevera Prado. Os intérpretes amosáronse moi satisfeitos pola acollida do público bretón. “O domingo, día 7, fixemos a gran parada polas rúas da cidade e había máis de 85.000 persoas”, relata o mestre da asociación. Lamenta, tamén, que sexa algo que “aquí, tristemente, non sucede”.

Cara ao interior de Francia, na vila de Montoire-sur-le-Loire, Xacarandaina deixou tamén en bo lugar a danza galega. O grupo acudiu ao festival Cultures du Monde (Culturas do Mundo) con 25 integrantes entre bailaríns, gaiteiros e demais artistas. Eles foron os representantes de Galicia e de España nunha celebración que xuntou a grupos culturais de Francia, Polonia, Ucraína, Paraguai, Madagascar ou o Xapón. Os contrastes culturais foron o punto máis forte desta celebración.

“Foi unha acollida moi forte e unha maneira de situar a Galicia no mapa”, apunta Quique Peón, director artístico de Xacarandaina. A súa representación foi “a máis longa do festival, con 45 minutos de duración”, e chamou a atención dos expertos “pola calidade amosada a nivel técnico e escénico. “Xa estiveramos neste festival hai 22 anos”, recorda o director artístico. “De feito, na vila hai un museo importante con instrumentos de todo o mundo que forma a súa colección con doazóns de artistas. Nós deixamos uns instrumentos de percusión a primeira vez que fomos”, rememora. Os elementos seguían alí cando regresaron este mes. “Daquela grabárannos para ver como se tocaban os instrumentos e alí estabamos algúns de nós con 22 anos menos”, engade Peón.

Compartir el artículo

stats