La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Diego Veiga Vocalista de Moura, mañá en Santa Margarida

“Quería mesturar a nosa música co mundo tradicional”

“Temos unha base de rock psicodélico á que lle engadimos cultura e foclore galegos”

O grupo coruñes Moura, nunha imaxe promocional, con Diego Veiga á dereita. Leo López

O rock chega este venres ao parque de Santa Margarida da man do Festival Independente Rock Coruñés. O FIRC reunirá a cinco bandas e artistas nunha única xornada musical que comeza ás 20.00 horas. Un dos grupos locais que participará será Moura, que actúan ás 22.00 horas. A formación comezou a xestarse en 2015, pero non lanzaron o seu primeiro disco ata o 2020. Nestes dous anos tras a pandemia conseguiron establecerse en chegar aos oídos do público internacional coa súa fusión de estilos. Diego Veiga é o vocalista e líder da formación musical coruñesa.

Que vai atopar o público de Santa Margarida no seu concerto deste venres?

Nesta actuación xogamos na casa. Por fin teremos a oportunidade de tocar os temas do novo disco, Axexan, Espreitan, que aínda non tiveramos a oportunidade de facelo. Non o tocaremos integramente, pero si incluiremos algúns temas no repertorio do vernes. Aínda así, será a primeira vez que toquemos cancións deste disco en directo na Coruña. Mesturarémolos con cancións do noso primeiro traballo e tamén con outros sinxelos que temos aí, como é o caso de Muiñeira da Maruxaina, que sacamos no 2021.

Veñen de lanzar o seu segundo álbum en maio. Como foi o proceso de traballo detrás de Axexan, Espreitan?

Diferenciouse moito na xestión con respecto ao primero disco, que saiu no 2020. Debido ás restriccións e á pandemia, houbo que compoñelo na distancia. Cando non nos podíamos reunir, intercambiábamos ideas e o guitarrista, Hugo Santeiro, montábaas no seu estudio caseiro. A partir de aí, cando xa nos permitían reunirnos, eu traballei con él facendo unha serie de guias sobre que debía ser o disco. Isto fixémolo no verán do 2021. Decidimos gravalo nós mesmos xunto co noso produtor na casa na que ensaiamos.

Que tal foi o recibimento do disco ata o de agora?

Funcionou moi ben. Xa nos pasou co primeiro disco, a pesar de sacalo na pandemia. Esgotouse e está a funcionar moi ben tanto na crítica como entre o público. Era un traballo conceptual, non sabíamos como respondería a xente. Voltamos de tocar en Portugal diante de 5.000 persoas. Desta vez, a tirada de vinilos foi maior que na ocasión anterior e está xa a piques de esgotarse. Polo de agora non nos podemos queixar da acollida que está a ter.

Con esa experiencia en Portugal, cómo se sinte a banda cando observa o cremento nestes últimos dous anos?

Levamos activos, con cambios de formación, desde o 2015. Foi hai dous anos cando conseguimos grabar o primeiro disco, como tantas outras bandas que tardan un tempo en lanzar o seu primeiro álbum. Todos viñemos de proxectos interesantes e cos que tiñamos xirado. Grazas á promoción que fixemos co noso selo discográfico, Spinda Records, é máis sinxelo mostrar o que facemos fóra das nosas fronteiras. Tanto no Reino Unido como nos Estados Unidos, Portugal ou os países do centro de Europa debe parecerlles unha proposta distinta. Temos unha base de rock psicodélico á que lle engadimos cultura e do folclore galegos, tanto no que se refire aos instrumentos, como á temática ou á propia lingua. Neses lugares resulta chamativo e, para mín, é algo que lle da moito valor á nosa música.

Cal foi a idea orixinal para apostar polo seu son tan característico?

Xurdiu a partir de que comezamos a cantar en galego e a introducir melodías galegas cando fixemos o primeiro disco. Agora, á hora de gravar, a nosa relación comezou nun local pegado á Cova Céltica. Aí foi onde nos fixemos moi amigos e, a través da hostelería, comecei a involucrarme cada vez máis na música tradicional. A partir deste punto apredín máis sobre ela. Comentei o proxecto que tiña e que cantabamos en galego. Ao gravaren o primero álbum, a xente que paraba na Cova Céltica e que lle gustaba o proxecto veuao estudio para gravar. Metimos esas percusións que lle deron un carácter máis autóctono. Quería mesturar a nosa música co mundo tradicional. Foi todo un cúmulo de elementos que se deron nese momento e que persisten na grabación do segundo. É o caso de Belém Pajes, que participou como invitada en Moura e agora formou parte do grupo para Axexan, espreitan. Este venres, no parque de Santa Margarida, tocaremos en formación de sete. A nosa é unha exploración desde a base anglosaxona cara a un aprendizaxe constante. Temos a sorte de que a xente que pertence mundo tradicional prestouse a axudarnos.

Que representa o Festival Indepentende Rock Coruñés para grupos coruñeses como o seu?

Calquera actividade vencellada á música local é moi importante, sobre todo nas festas. Agosto e o mes grande na Coruña e todos temos ganas de estar na rúa e ir a eventos. este tipo de festivais, ademais, está situado nun entorno que, na miña opinión, está moi desaproveitado como é o parque de Santa Margarida. As familias poden achegarse e desfrutar da música facendo un pequeno picnic. Espero que non paren nunca este tipo de propostas.

Compartir el artículo

stats