La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

A campioa de Castro de Elviña

A exatleta Dolores Tasende, Marujita para os seus veciños, será a pregoeira das festas, que comezan hoxe co festival Elviña Sons e que rematarán o domingo

Dolores Tasende, onte, con Elviña de fondo. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

Cando a Dolores Tasende lle chaman Marujita ela xa sabe que ten que ser alguén de Castro de Elviña, para o seu pai era “vidiña” e para os irmáns “nena”, para o resto, Marujita a de Asunción ou a de Tasende. Cando empezou a destacar no atletismo xa foi Dolores Tasende. “Marujita quedou aquí”, di no bar Tempo Novo, de Elviña, onde a coñecen desde sempre e onde a media mañá aparece o seu irmán Moncho. Ela, que naceu e se criou no Castro de Elviña será este sábado, ás 12.30 horas, a pregoeira das festas de Elviña e Castro, que comezan hoxe ás 20.30 horas co festival Elviña Sons e que rematarán o domingo, logo de tres días de música, xogos e contos.

“Preguntáronme se quería e eu díxenlles que nunca fixera de pregoeira, pero que si, que contasen comigo”, relata esta muller de setenta anos, que di dela mesma que, de pequena, era “un pirucho”, unha nena á que lle gustaba xogar e que nunca nunca nunca estaba quieta.

O que agora é un barrio no que se asentan as facultades, cando Tasende naceu era “unha aldea”, un lugar moi humilde no que non faltaba de comer, porque había leiras, porcos, galiñas e peixe, pero no que si que se pasaba gana de cousas. “De Castro de Elviña baixabamos á escoliña aquí (preto da igrexa), despois iamos comer e despois a xogar, escondiámonos no monte e nas escavacións, na Pena do Cuco, que xa non existe, tamén na pena na que feriron a Sir John Moore e na casa do francés, que era unha casa moi grande que estaba en ruínas. No verán iamos á praia e con dúas ou tres nais iamos dez ou quince nenos e, nas festas, igual, iamos a Palavea, a Mesoiro, a Vilaboa, a Feáns... Aquí era todo a pé, así que, viñan as nais coas lanternas e nós detrás, polo monte, até o Castro”, explica Tasende, que lembra tamén a Eira do Capelán, unha leira moi grande na que se reunían grandes e pequenos a xogar á lotería. “El quince, la niña bonita; el veintidós, los dos patitos”. “Era o que había”, sentencia. O que había e o que inventaban, porque a nenez en Elviña tiña tamén partidas de chapas, de billarda e de lima ou Che.

“Como non ía facer eu fondo en atletismo? Pola mañá, con dez e once anos, antes de ir á Coruña facer o Bachiller, eu baixaba desde Elviña á escola, subía e baixaba con tres potas de comida para meus irmáns, baixaba a Monelos, ao bar Os Belés, que comían alí, volvía subir á casa, baixaba á escola pola tarde e despois volvía á casa. Andando. Todos os días”, lembra Tasende. Daquela ningún dos veciños sabía da importancia arqueolóxica do castro, pero formaba parte da súa vida. “Eu nacín no 1951 e as primeiras escavacións son do 47; no ano 1962 foi cando o declararon Monumento Histórico Artístico pero até case os anos 80 non fixeron máis escavacións. Nós non lle chamabamos o castro, diciamos que iamos xogar ás escavacións. Escondiámonos na choza, que era a única que tiña palla, para non nos mollar cando chovía”, describe Tasende que, daquel tempo, destaca que nenos e nenas xogaban sempre xuntos, tamén ao fútbol, no que ela era moi boa, tanto, que había quen xa non quería saltar ao campo se ela ía estar no equipo contrario, porque era unha derrota segura. Dela chegou a dicir Manolo Rivas que primeiro foi Marujita e despois, Messi.

Dos cinco irmáns, foron ela e Moncho quen destacaron no deporte, el, incluso, estaba chamado a participar nos Xogos Olímpicos de Munich 72 en atletismo, pero estando concentrado en Finlandia, morreu o seu pai atropelado e volveu á casa. “El empezou co ciclismo e eu collíalle a bicicleta. Un día case vou á fonte de cabeza. Botábame cada bronca...”, comenta cun sorriso Tasende. Cando lle tocou ir ao servizo militar, o seu irmán púxose malo e a solución atopouna ingresado no hospital militar, onde lle dixeron que se anotase no equipo de atletismo dos militares, que así non tiña que volver á mili. “Xa non quixo saber máis. Apuntouse e entrou gañando. Chegou a ser a novena mellor marca do mundo en 5.000 metros”, di con fachenda Tasende que, daquela estaba xa no colexio na Coruña, na ronda de Nelle e xogaba a todo o que lle poñían diante, xa fose fútbol balonmán ou brilé.

“O meu irmán empezou a destacar e díxome que fose eu tamén ao estadio, que o primeiro día xa lles gañaba a todas, que non corrían coma min. Na primeira carreira de fondo, que era o meu, aos 17 anos, xa quedei segunda e despois empecei a gañar, primeiro o campionato provincial, despois o galego, despois batín o récord de España, fun á selección española e xa foi todo seguido”, relata Tasende que, grazas ao deporte viaxou por toda España, tanto co Deportivo, como coa selección.

Daquela corría tanto en pista como en cross e foi a Irlanda, a Holanda, a Portugal... Até un día que dixo que marchaba e non corría máis. Ese divorcio durou só tres meses, pero foi a reacción a que a sacasen dunha convocatoria para ir ao campionato do mundo de cross, aínda que se tivese clasificado. “Acababa de empezar, entraban catro e eu quedei de cuarta, fun a Madrid porque levabamos o uniforme da selección, cunha chaqueta sahariana e unha saia granate, unha camisa amarela, uns zapatos, xa tiña o pasaporte, e a autorización para ir. Estaba que me ardía a cabeza da ilusión, e un día dinme que non vou a Grecia, que van as tres clasificadas e que de cuarta levan, de regalo, á primeira das júnior, unha rapaza catalana. Eu penso que, se isto llo fan a unha corredora de Vigo, que se mobiliza todo Vigo e vai si ou si, pero na Coruña, non fixeron nada, así que, marchei”, lembra. Cando tomou a decisión, todos intentaron convencela de que volvese competir e lográrono. “Eu xa estaba afeita a aquela vida, a adestrar e a viaxar e pensei: E agora que vou facer? Poñerme a traballar? E volvín”, resume Tasende, que tivo que escoitar algún: “se aprenderades a coser”, cando corría por San Pedro de Visma. Daquela, aínda que non tiña unha remuneración económica por competir, aínda que conseguiu gañar algo de diñeiro. “Nós, como non tiñamos un patacón, cos cartos que nos daban para o billete de avión, para comer e para o hotel o que faciamos era ir en tren, iamos á pensión Chinchilla, en Madrid, que era tamén onde ía Pucho Boedo, porque a señora era galega e xa nos coñecía a todos, facíanos a comida e se nos daban 5.000 pesetas para todo e conseguiamos aforrar 2.000, ardíanos a cabeza! Eu, se podía, non gastaba nada. Había rapazas que compraban cousas no Corte Inglés, pero eu non podía”, recorda Tasende, á que nunca lle interesaron nin os bolsos nin a moda “nin as gafas”, di con retranca.

Aínda que a súa carreira deportiva estivo sempre ligada ao atletismo, a Dolores Tasende o que sempre lle gustou foi o fútbol, non para participar, pero si para ver, e aínda hoxe é así, e ten un nome tamén naqueles partidos de solteiras contra casadas que se facían o martes de Entroido en Elviña.

“O primeiro ano veu xente, as casadas viñan disfrazadas, deixábanse caer facéndose as lesionadas... Era todo de broma. O segundo ano non cabía a xente no campo, había coches por todo Alfonso Molina. Eu aquel día marquei sete goles. Incluso xoguei dous ou tres partidos co Galicia Gaiteira feminino, pero despois xa non me deixaron xogar porque me podía lesionar e tiña que adestrar mañá e tarde para manter o nivel que tiña”, comenta Tasende, aínda que tampouco non foi o único motivo polo que dixo adeus ao fútbol. Un día, facendo unha chilena deulle na cabeza a unha rapaza co balón e mareouse un pouco e ela asustouse tanto que xa non quixo seguir. Cando colgou as zapatillas de correr xa tiña uns trinta anos e dúas fillas, o problema para ela non era competir nin adestrar nin que outras corredoras máis novas fosen gañando o seu espazo senón que as nenas tiñan que quedar coa súa sogra todo o día e que a ilusión tamén ía a menos.

Lembra con especial agarimo aquel campionato internacional da Coruña no que gañou na proba de 1.500 metros contra unha olímpica portuguesa, porque foi a primeira vez que o seu pai estaba na grada, xa que traballaba na Compañía de Tranvías e nunca libraba cando ela competía. O premio? Unha Torre de Hércules. Despois de morrer o seu pai tivo que empezar a traballar en serio, estivo nun despacho de avogados durante 38 anos e, despois, foi inspectora de pólizas.

No estadio coñeceu tamén ao seu marido que, daquela, era lanzador de martelo, con Xosé Ramón Gayoso, co que mantiveron sempre boa amizade, diante e fóra da pantalla, porque Tasende foi tamén concursante no Recantos de Luar, así que, non faltará o sábado unha canción no pregón. “Votábanme moito para que gañase, así que, aínda lles debo unha”, conclúe Tasende, que tivo que deixar o programa por enfermidade.

Compartir el artículo

stats