Na Coruña comezamos este curso escolar cunha chea de malas novas. A primeira, que a escola Carmen Cervigón deixa de formar parte da Rede de Escolas Infantís Municipais e pasa a ser privada. É dicir, que o Concello recorta 95 prazas de ensino público, un retroceso sorprendente do que nin sequera se molestaron en avisar as familias. Familias que escolleron en marzo unha escola pública e en setembro atopáronse con que fixeran a matrícula nun centro privado. Unha imposición que anula a súa capacidade de decidir. Moita liberdade para o mercado, pouca liberdade para a veciñanza.

Outra mala nova chega da Xunta de Galicia, que aproveita unha medida coma a gratuidade da educación infantil —seguindo o camiño aberto polo Concello da Coruña, que a impulsou hai xa dous anos grazas a un acordo coa Marea Atlántica— para facer unha descarada promoción do ensino privado. O goberno galego financia cada praza nas escolas infantís municipais con 160 euros, pero dedícalles 300 euros ás privadas, un 77,51%. Tamén permite que cobren máis por outros servizos complementarios, coma os comedores. As consecuencias xa se están a ver, dispárase a demanda na privada, sobran prazas na pública. A Xunta amosa o seu nulo interese en combater a desigualdade.

Levamos varios anos complexos. Unha crise seguida doutra crise, unha pandemia e agora unha escalada criminal da inflación, iso que alguén chamou acertadamente “o imposto dos pobres”. Temos cada día unha sociedade máis desigual, cunha crecente fenda entre as elites e as rendas máis baixas que non se está a abordar coma o que é: unha emerxencia.

A medida que as desigualdades aumentan, a parte máis rica da poboación recorre aos servizos privados. E así é coma o público, o que é de todas, queda só para quen non pode pagar outra cousa e vaise deteriorando. Dunha banda, quen non os usa resístese a contribuír a mantelos pola vía dos impostos. Doutra banda, os servizos públicos deixan de ser un espazo onde conviven as distintas clases sociais.

Por iso fomentar a privada nos sae tan caro, porque nos custa valores coma a solidariedade e a comunidade. Porque cando gobernamos as institucións seguindo lóxicas de mercado, a liberdade non existe. Non hai liberdade sen igualdade, e o principal garante da igualdade son os servizos públicos. Defendámolos.