Kiosco

La Opinión de A Coruña

Paulo Rodríguez | Director do Teatro Rosalía de Castro

“A querenza do abonado polo Rosalía transcende a programación ou o prezo da entrada”

“Agora está a haber hiperprodución porque se reactivan proxectos parados na pandemia”

Paulo Rodríguez, no escenario do teatro Rosalía. | // VÍCTOR ECHAVE

O Teatro Rosalía de Castro abre a nova temporada con caras novas, en concreto, con 184 persoas que se decidiron a facer o seu abono e que se unen ás 332 que o renovaron. O director do teatro, Paulo Rodríguez, destaca non só que o récord das novas altas, senón que hai relevo xeracional e artes escénicas para moito tempo.

O Teatro Rosalía de Castro acadou o seu récord de abonos, por que a xente está a volver en masa?

Dentro da dinámica do ciclo principal hai un período de renovación dos abonos e dous días para novas altas. Neses dous días abonáronse 184 persoas. É un récord na programación do Rosalía desde que se remunicipalizou. Pasounos unha pandemia por enriba, e, a pesar de ter que desarmar o abono do primeiro semestre de 2020, mantivemos a programación e fomos dando prioridade na volta os abonados e abonadas. Reactivamos o abono na primavera deste ano e produciuse unha caída significativa. Na primavera do 2019 superabamos os 500 abonados e na primavera do 2022 caeron a 332 pero neses 332 deuse a casualidade de que hai 49 ou 50 que marcan unha tendencia de cambio xeracional. Hai un perfil de abonadas, fundamentalmente mulleres que ronda a cincuentena, e é esperanzador.Agora no outono de 2022 invértese a tendencia da caída e chegamos a 516 abonados con esas 184 novas altas.

Cal é o perfil destes novos e novas abonadas?

Hai moitos que veñen por primeira vez, outros que se retraeran de vir ao teatro na pandemia, e, como nós facemos un acompañamento bastante personalizado dos abonados e abonadas, detectamos que hai persoas que, no seu momento, foran abonadas e que, por motivos vitais, sobre todo de coidados, de maiores ou menores, tiveron que deixalo e agora, que as circunstancias da súa vida cambiaron volven. Non son un nin dous, son bastantes máis. A nós agrádanos isto porque demostra a querenzacia polo Rosalía, que é un teatro municipal e histórico, e supera a mera compra dun abono para ver un conxunto de espectáculos .

E hai casos de quen, vendo a programación, decide que lle compensa máis o abono que comprar as entradas soltas?

A fidelidade do público transcende a programación ou ter un desconto nas entradas. Pero si que se pode dar ese caso. O outro día, convidáronnos a un programa ao director do Auditorio de Galicia e a min e a unha das nosas abonadas e a un dos seus e esta muller o que dicía era que ela tiña querenza e afección polo teatro e que estivo moitos anos indo ao Rosalía elixindo ela as obras porque lle soaba un título ou un autor ou alguén do elenco e que, chegado un momento, pensou que, se ía ver cinco obras era mellor comprar o abono. Poñía o acento en que, comprando o abono, estaba a descubrir moitas obras que estaban programadas e ás que ela non chegaría.

Facer a programación para esta temporada non debeu ser doado, xa que houbo compañías que sufriron moito a pandemia e que tiveron que parar ou renunciar a proxectos que tiñan en marcha en marzo de 2020. Foi complicado decidir que lle ofrecían ao público neste momento de case normalidade logo da pandemia?

Houbo un parón e infelizmente houbo proxectos de artes ao vivo e artes escénicas que non se puideron manter por condicionantes económicos e houbo moita xente que quedou polo camiño. Neste momento no que xa podemos empezar a falar de pospandemia está a haber hiperprodución, porque moitos proxectos que quedaran a remollo están sendo reactivados. Temos un índice de producións brutal. Hai uns días estiven en Madrid como coordinador da comisión de danza e artes en movemento da Red Española de Auditorios para elaborar o catálogo e tivemos que avaliar 444 propostas de danza.

Como se escolle entre tantos?

Hai moitos xeitos de programar, e todos son válidos. O importante é que exista a cultura en todos os sitios habitados e que esa cultura sexa accesible á cidadanía. Nos teatros de referencia, como o Rosalía, non se trata de encher unha axenda, senón de darlle unha coherencia e de crear un relato a través da programación. Neste caso, eu tiven especial atención a cousas que ocorreron durante a pandemia, que eran espectáculos moi significados e que, polas restricións, puido asistir moi pouquiña xente pero que gustaran moito.

Por exemplo?

A repetición de Shock 1, que repetimos na primavera de 2022 e que programaramos no 2021 e poño por caso Una noche sin luna, de Juan Diego Botto, que, con estas dúas funcións que vai facer esta semana, sumará catro funcións no Rosalía. En hora e media vendéronse case todas as entradas que había dispoñibles. Iso tamén o tivemos presente, sen desatender as cousas que pasan no tecido da creación galega, poño por caso, o peche de programación coas dúas propostas de Chévere. Ambas as dúas xa pasaran polo Rosalía no seu momento, pero danse dúas efemérides, o vixésimo aniversario do afundimento do Prestige, por iso retomamos N.E.V.E.R.M.O.R.E., e a celebración de que a compañía cumpre 35 anos activos, vivos e contestando a través da creación escénica. Ao final, a programación é como a vida, un conxunto de emocións .

Dáse tamén a circunstancia de que aínda nacendo esta programación xa teñen que estar preparando a vindeira?

Eu agora estou en Canarias para asistir a unha estrea, porque teño especial interese en non programar só cousas de Madrid e Barcelona. Iso supón esforzo e desprazarse durante todo o ano a feiras e festivais para que haxa presenza de compañías andaluzas, estremeñas, canarias, de Euskadi... A programación do primeiro semestre de 2023 está deseñada e a semana que vén espero pechar todos os axustes, porque hai que ter en conta moitas cousas, non só o orzamento e as datas, senón tamén as necesidades prácticas e técnicas que ten cada espectáculo.

Ultimamente estamos asistindo case que a un furor por determinados espectáculos, porque se esgotan as entradas poucos minutos despois de saíren á venda, ten o público máis ganas ca antes de ir a ver arte en vivo?

Eu creo que a pandemia deixou unha pegada nos nosos hábitos ordinarios. En termos xerais até ceamos máis cedo ca antes e reservamos mesas cando antes non o faciamos. Eu creo que tamén é porque coas restricións, se non eras dos primeiros, xa non podías entrar. Cando reactivamos a programación case que tiñamos manifestacións á porta do teatro. A isto tamén hai que sumar que se poden coller as entradas por internet e que hai 700 persoas que poden comprar a entrada no mesmo minuto que unha persoa que foi á billeteira. Vaia por diante que a programación do Rosalía non ten un nesgo comercial senón que eu vexo espectáculos, vexo a calidade e o que contan e se a proposta cadra nese ciclo. Teño tido espectáculos esperando cinco anos até que vexo que cadran ben na programación. Hai outros que, como o elenco é moi famoso xiran moi pouco e se non os colles nun momento determinado xa non os colles, como Cosas que se me olvidan fácilmente, que foi un espectáculo de proximidade só para seis espectadores que fixemos no faiado do Rosalía. Ese espectáculo vino hai catro anos, pero até que chegou o seu momento, non o trouxemos.

As entradas de Una noche sin luna esgotáronse enseguida.

Una noche sin luna saíu moito na prensa, levou moitos premios e Juan Diego Botto é un marabilloso actor. Sendo un espectáculo de memoria histórica é unha delicia. Eu sempre digo que son insensible ás artes escénicas e botei unha bágoa nese espectáculo; ou o que fai Blanca Portillo con Silencio, é unha actriz inconmensurable. Ou Chévere, que ten unha parroquia moi grande e non só en Santiago senón felizmente no resto do Estado. Iso fai que as entradas se esgoten en pouco tempo. Nós sempre intentamos meter algunha delicatessen, esta vez metemos M.A.R, que é un espectáculo de proximidade para 50 persoas, que vai acontecer no escenario e que tamén está esgotado. Ademais dos abonos, cómpre destacar que temos descontos para xente nova, para maiores de 65, tamén para desempregados e a compra de entradas de grupos de máis de 21 persoas, que tamén teñen un prezo especial. Nos clásicos que son de ditado académico si que se organizan compras deste tipo. Iso fai que vaiamos subindo. Falamos de teatro, pero tamén temos fidelidade no programa de danza, pero é invertido, canto máis veñas, máis descontos acumulas.

E a xente nova acode ao teatro ou esa é a materia pendente?

Infelizmente non no Rosalía senón en todo o mundo, a xente nova acode puntualmente cando hai algún artista que lle chama ou cando se organizan para ver algo. Os nenos e as nenas van máis ao teatro porque van da man das súas familias ou do centro escolar, despois na adolescencia están a outras cousas e xa na primeira madurez, a participación nas artes vivas é puntual no teatro, pero na danza, nós que facemos unha programación de danza cun nesgo contemporáneo,, vemos que baixa a media de idade. É xente moito máis nova. Aí teriamos que traballar na outra dirección, en conseguir que a xente maior veña ao teatro ver arte contemporánea.

Compartir el artículo

stats