La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Teatro e música para lembrar a Manuel María e a Saleta Goy

O espectáculo ‘A lúa vai encuberta’ e a música de Uxía Senlle renderán homenaxe hoxe no teatro Rosalía de Castro á parella falecida

Escena da obra teatral ‘A lúa vai encuberta’. | // LA OPINIÓN

Cada mes de setembro desde hai catorce anos, a Fundación e Casa-Museo Manuel María celebra As lúas de outono no teatro Rosalía de Castro. É a súa maneira de darlle unha nova vida á obra do escritor e tamén, un xeito de xuntarse e lembralo. A que fora unha das citas imperdibles para a súa parella, Saleta Goy, este ano será tamén un acto para lembrala a ela, xa que faleceu o pasado 10 de setembro.

O secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Alberte Ansede, explica que ambos os dous escolleron A Coruña para vivir logo da súa xubilación e que os dous finaron no mes de setembro, con 18 anos e dous días de diferencia, no mesmo lugar.

O espectáculo central desta decimoterceira edición —logo dun parón pola pandemia— será a representación da obra A lúa vai encuberta, coa participación de Tito Asorey, Melania Cruz, Vanesa Sotelo e Davide González. Despois, segundo avanzou onte Ansede a este diario, haberá un acto de lembranza a Saleta Goy, quen foi a presidenta da entidade até o seu falecemento. Serán quince minutos dos que non se poden desvelar todos os contidos, pero nos que Uxía Senlle cantará algúns dos poemas que Manuel María lle dedicou á súa compañeira.

As entradas para participar no espectáculo son gratuítas, pero é preciso reservalas no correo contacto@casamuseomanuelmaria.gal. No caso de que sobren billetes, poranse a disposición do público a partir das 19.30 horas —unha hora antes de que comece As lúas de outono—.

“Pretendemos non facer homenaxes nostálxicas, senón que nos sirvan para lembrar os seres queridos perdidos. Facemos unha homenaxe á súa escrita, que é o legado que Manuel María nos deixou e, neste caso, escollemos o teatro. Pero o que intentamos sempre é recrear a súa obra noutras maneiras artísticas, como un xeito de divulgala”, explica Ansede, que destaca que as creacións de Manuel María poden ser reinventadas de moitos xeitos, incluso con maxia. “El é moi coñecido como poeta, pero non tanto como escritor de teatro, aínda que ten 35 obras e moi potentes”, relata Ansede, que fai fincapé en que esta peza descobre un “Manuel María oculto”.

Compartir el artículo

stats