Definición: s. e adx. f. Árbore que ten moitas follas e pólas. Nota: esta acepción figura no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Conífera: relativo ou pertencente á clase de plantas ximnospermas, arbustivas ou arbóreas, de folla perenne en forma de agulla ou de escama e froito cónico. Autóctono/a: que ten a súa orixe no lugar onde vive. Nativo/a: sinónimo de autóctono/a. Alóctono/a: antónimo de autóctono/a. ​Invadir: ocupar [un lugar] e estenderse por el en gran cantidade algo prexudicial. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: O emprego da palabra “frondosa” por parte da industria forestal, da administración e da prensa ven sendo criticada desde hai décadas polos colectivos ecoloxistas, por ser unha verba extremadamente ambigua. En efecto, esta palabra evoca no público unha árbore chea de follas, se ben non precisa se esa árbore é propia do lugar ou porén é exótica, ou mesmo invasora. Por exemplo, o eucalipto era (e é) incluído en moitas publicacións do eido forestal como frondosa en Galicia, xunto con carballos e castiñeiros. O certo é que os eucaliptos son árbores procedentes de Australia e Nova Guinea con comportamento invasor fóra da súa área orixinal. A esta conclusión chegou o Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente español en 2017 tras estudar minuciosamente ducias de traballos científicos, conclusión que non sería adoptado (sorprendentemente) pola administración. Unha especie certamente invasora como o eucalipto prexudica a biodiversidade nativa e eleva o risco de incendio, ao ser unha especie pirófila. Non existe xestión sostible das máis de 650.000 hectáreas de eucaliptais en Galicia, unha vez que os impactos ambientais no solo e nas augas, no patrimonio arqueolóxico e nos servizos ecosistémicos destas plantacións son inasumibles polo medio natural galego. Por contra, é perfectamente posible unha xestión verdadeiramente sostible de masas de frondosas nativas, como carballeiras, soutos e bosques de ribeira, baseada nas tradicionais entresacas de madeira e no aproveitamento de froitos e cogomelos asociados a estas, mantendo os seus servizos ecosistémicos.

Por que está en auxe esta palabra?: A pesar da ambigüidade da verba “frondosa”, a industria forestal fala recorrentemente de “superficie de frondosas” sen precisar se son especies autóctonas ou alóctonas, e así se recolle nos inventarios forestais (mesmo en anos recentes). No mellor dos casos, fálase de “frondosas autóctonas” e “frondosas alóctonas”, como na Primeira revisión do Plan Forestal de Galicia, realizada pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia en 2017, cun cuarto de século despois do primeiro Plan Forestal de 1992 (no que, incriblemente, se prevían apenas 245.000 hectáreas de eucalipto en Galicia en 2032, cifra dúas veces e media superior xa en 2022). Esta linguaxe ambigua coa palabra “frondosa” chega mesmo a anuncios oficiais: o Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, da man de Medio Rural, presentou recentemente a programación de outono 2022 dunha iniciativa de formación agroforestal destinada en especial a mozos e mozas. O programa inclúe un taller de marcaxe en aproveitamentos de frondosas, que tampouco deixa claro a que especies se refire.